O Estado español de hai cinco séculos negou a unha parte dos seus súbditos uns dereitos que hoxe todos temos blindados pola Constitución, no artigo 11, que di: «Ningún español de orixe poderá ser privado da súa nacionalidade»; e polo 14, que garante que «Os españois son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social». O ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, recoñecía, ao anunciar a modificación dun artigo do Código Civil que permitirá aos xudeus sefardís recuperar a nacionalidade española, que «a expulsión dos xudeus de España foi un dos erros históricos máis graves que se produciron na nosa patria».
Facía xa algún tempo que viña preparando esta medida. O 22 de novembro do 2012, Gallardón, acompañado do ministro de Exteriores, José Manuel García-Margallo, anunciou na Casa Sefarad-Israel que pronto os sefardís poderían obter a nacionalidade española pola vía da naturalización. O 7 de febreiro, o Consello de Ministros aprobou o anteproxecto de lei que concede a nacionalidade española aos sefardís que xustifiquen tal condición e a súa especial vinculación con España. Deste xeito, España pon remedio, se é que é posible, a unha inxustiza para cuns cidadáns a quen se converteu en españois sen patria, tras a promulgación do Edicto de Granada en 1492.