A dimisión do papa e o seguinte proceso electoral trouxeron á actualidade moitos termos de uso pouco común
20 mar 2013 . Actualizado a las 15:55 h.Anda a xente toda pendente do que ocorre no país máis pequeno do mundo, Cidade do Vaticano, dende que o xa papa emérito Bieito XVI anunciou o 11 de febreiro que dimitiría o 28 dese mes. Anuncio que expresou, para darlle aínda máis formalidade da que xa de por si ofrecían o momento e o lugar nos que o fixo, o consistorio cardinalicio daquela data, na lingua oficial da Igrexa, o latín. Quedou desde o último día de febreiro ás oito do serán a sé vacante, un baleiro que foi enchido xusto 13 días despois por Francisco, quen ata entón fora arcebispo de Bos Aires, tras un peculiar proceso electoral que, amais ter o seu propio nome, conclave, se rexe por un protocolo preciso que só se repite (a última vez, no 2005 e a anterior en 1978) coa excepcionalidade das cousas que acontecen cada moitos anos.
Era a primeira vez, en moito tempo, que un pontífice renunciaba, o que fixo todo aínda máis excepcional. Talvez por iso non houbo día sen novas relacionadas con todo o que arrodeou á elección do novo papa. E co gallo destas noticias, andamos os lectores de xornais a descubrir unha morea de termos que non son, a maioría, o que poderiamos dicir de uso común. E moitos deles están directamente en latín.
Fagamos un repaso do ocorrido. Un dos últimos actos públicos do papa foi o rezo do angelus o domingo anterior, pero antes foi necesario que publicara unha carta en forma de motu proprio que permitía adiantar uns días todo o proceso para elixir o novo papa.
O CONCLAVE
Os cardeais prepararon o conclave cunha misa votiva pro eligendo papa e despois foron á Capela Sixtina. Din as normas que todo acontecido alí é segredo, de modo que quen o crebe terá a pena da excomuñón latae sententiae. Na Sixtina o camarlengo xa tiña todo preparado para a elección per scrutinium, un procedemento que comeza coa disposición de papeletas por parte de cerimoneiros e o sorteo para designar tres escrutadores, tres infirmarii e tres revisores.
O novo papa foi elixido por maioría dos dous terzos. Como ninguén acadou esta porcentaxe nas primeira votacións, as papeletas íanse queimando de xeito que producían un fume de cor negra, ata que no quinto escrutinio foi a fumata branca a que deu a coñecer o resultado positivo.
Unha vez elixido, o novo papa aceptou respondendo á pregunta ritual do cardeal decano e manifestando o nome que elixiu para exercer como papa, do cal quedará constancia na acta levantada polo mestre de cerimonias litúrxicas pontificias. A continuación, o xesuíta Jorge Mario Bergoglio converteuse en Francisco, revestiuse cos hábitos papais e recibiu o anel de pescador. E unha hora despois o protodiácono, dende o balcón principal do Pazo Apostólico, anunciou aos fieis: «Habemus papam», pouco antes de que o papa dese a súa primeira beizón urbi et orbi.