Universidades e expertos

EDUCACIÓN

Que a universidade española está necesitada de reforma non se dubida. O éxito do modelo democrático de hai trinta anos está a esgotarse e a crise conduce a unha contención que urxe xestionar con novas ideas para afortalar os roles da universidade. O que atinxe en exclusiva á universidade pública, como evidencia por activa e por pasiva o documento duns expertos que a viron mellorar con éxito nas últimas décadas. A única novidade real do texto sitúase na elección do reitor e no goberno. Pero do informe á lei aínda hai un treito. Para as intencións privatizadoras que se lle supoñen a Wert o informe que encargou válelle ben pouco. Véxase senón o significativo voto particular de Óscar Alzaga, mentor político do ministro. ¿Por que non tivo éxito a universidade privada en España? Quixo corrixilo a LOU e agora Wert inténtao polas mesmas razóns: porque a educación superior é un importante ámbito de negocio potencial vetado ao mercado e polo escaso poder da dereita nos gobernos universitarios dende 1975. O afogo orzamentario e o ataque á autonomía, a conta da crise, son o verdadeiro risco para a necesaria anovación universitaria. Se isto desemboca nunha conflitividade prolongada, abriría a porta a un negocio privado que só a intelixente reacción interna podería evitar.