A Universidade de Santiago presentou a historia da institución académica durante o século dezanove Afrancesados, catedráticos «ágrafos», censores, rectores coqueteando con casas reais, liberais, desterrados... Nas centenarias aulas da Universidade de Santiago fraguáronse batallas ideolóxicas e mesmo militares. Onte presentouse o segundo volume da historia da USC, que abranga o século dezanove. O presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, coordinou este libro no que conviven personaxes históricos como Montero Ríos, Manuel Murguía ou Laverde Ruíz. A presentación desta narración enmárcase nunha serie de actos con motivo do Día das Letras Galegas do vindeiro venres.
15 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.O rector da Universidade de Santiago, Darío Villanueva, que presentou o acto, ofreceuse xa como testemuña para contar as súas anécdotas e experiencias no que será o terceiro volume desta historia, que abrangará o século vinte. O responsable da institución académica aproveitou tamén para facer unha pequena homenaxe ó finado Victoriano Reinoso, lembrando a primeira experiencia de iluminación artificial de España, que se levou a cabo no claustro da Facultade de Historia fai xa cento cincuenta anos. Barreiro Fernández explicou o esquema do libro presentado, que se estructura en tres etapas diferenciadas: a crise universitaria (1808-1833); a transición á universidade liberal (1833-1857) e a chegada da época liberal (1857-1990). O historiador e actual presidente da RAG lembrou unha das leis de máis trascendencia para a educación española, o chamado Plan Moyano, que sobreviviu á súa propia época, «porque non foi un plan de partido, senón de consenso», lembrou Barreiro segundo verbas pronunciadas polo mesmo Moyano. Tamén se fai un repaso ós «catedráticos ágrafos, que nin sequera escribiron o programa da materia», destacou o coordinador do proxecto.