O dirixente de UU.?AA. indígnase con decisións que atribúe a dirixentes do PP en Madrid.
-¿A opción de grupo lácteo galego foise co vento?
-Non. Foise cunha mala política partidista. Optouse polo máis fácil: deixar que se vendese. Fíxose con Larsa, Leyma, Complesa-Ram, Lagasa... E agora que todas as cooperativas deron un paso á fronte houbo decisións, máis do PP de Madrid que do Goberno da Xunta, que o tempo aclarará. Había 25 cooperativas e optouse por catro das máis pequenas. E o importante dese grupo grande é que podería regular o volume, 600 millóns de litros de leite, e evitar que andaran por aí esas cisternas soltas, abaratando o prezo. -¿Por que din que os persegue Competencia? -Hai unha actuación do Servizo de Defensa da Competencia que vai ao máis fácil. Que aquí o leite líquido se venda a tres ou catro grupos, ¡non lle preocupa! Que unha empresa líder en Francia compre aquí dúas ou tres empresas, ¡non lle preocupa!, pero que tres gandeiros se xunten para negociar o prezo resulta que atenta contra a competencia. Isto é un esperpento. Debería preocuparlle que dúas ou tres multinacionais sexan as que nos impoñen os prezos do Nitramón e que as industrias poidan poñerse de acordo para alterar o prezo do leite.
- Cun Internet deficitario e unha normativa complexa non resulta estraño que teñan 14.000 afiliados. Son un ente de servizos...
-Ser empresario agrario é toda unha proeza: hai que ter os libros ao día, as tramitacións das subvencións, os papeis da política agraria...