EMILIO PÉREZ-TOURIÑO, SECRETARIO XERAL DO PSdeG-PSOE
02 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.A pouco menos de quince días de que comezasen a circular 14.500 millóns de billetes e 50.000 millóns de moedas de euro polos doce Estados membros da Unión Europea, unha inmensa maioría de españois declarábase euroescéptica.
Os grandes beneficios do euro serán os derivados da creación dun entorno financceira máis seguro. A súa fortaleza dependerá da súa estabilidade e o seu éxito medirase polo nivel de inflación e non polo tipo de cambio. Confianza e credibilidade, esta é a aposta do euro.
¿É necesario o euro? É necesario porque contribúe a dar estabilidade económica e a crear un sentido de pertenencia. De sempre, os imperios, as nacións, os Estados se afanaron en crear unha moeda propia non só por razóns económicas, senón tamén para inculcar entre os cidadáns un sentido de pertenencia que se materializaba -e materialízase hoxe- en cada acto cotidiano do seu uso. Pero esta unidade meramente económica non é suficente.
¿Entón, debemos ser euroescépticos? Europa necesita unha integración política para non ser confundida cun organismo internacional que nos obriga a comprar en euros e manexa o precio do diñeiro. Para ser crible precisa de políticas comúns compartidas, onde a condición de europeo sexa algo máis que ser un cliente. Europa debe desenvolver políticas para os cidadáns; políticas de dereitos, de servicios sociais. Precisa dunha política exterior e de defensa que nos identifique como entidade política no mundo polo noso papel na contribución á paz e a unha orde internacional máis xusta e máis libre.
Só así, cunha moeda común e unha política para os cidadáns, podemos vencer ó euroescepticismo. Co euro só, non chega.