Moitos romeiros na celebración do San Caetano de Bazar, na parroquia de Abades

daniel gonzález alén SILLEDA

SILLEDA

DANIEL GONZÁLEZ ALÉN

O escritor e político Ramón de Valenzuela estivo agochado na capela do santo en 1936

02 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende hai anos, os veciños de Bazar na parroquia de Abades adiantan a celebración do San Caetano, que ten o seu día propio o 7 de agosto, ao derradeiro domingo de xullo, cunha romaría moi concorrida de devotos e festeiros, que ten por escenario unha das máis antigas capelas do municipio de Silleda.

Na celebración, que tivo lugar o domingo 27 de xullo, houbo misa solemne oficiada polo párroco de Silleda, José Pérez, con procesión que encabezaba a pequena e antiga imaxe do Apóstolo Santiago e detrás ían as do San Caetano e a outra dun santo frade, que se garda na capela e ninguén acerta a identificar. Acompañou a procesión o grupo de gaitas O Arco de Merza, que de seguido animou tamén a sesión vermú no bar que a carón da capela dispuxeron os ramistas da Asociación de Veciños A Costa. Despois houbo xantar campestre nunha carballeira próxima, que congregou a uns cento cincuenta veciños e festeiros cun típico menú que serviu a Pulpería Crisóstimo, tralo que o Dúo Reflejos ofreceu música para bailar, mentres os máis cativos aproveitaban para se divertir nos inchables que contrataron os da comisión de festas.

A ermida de San Caetano, ou San Queitán, foi refeita no emprazamento actual no ano 1717, segundo reza unha inscrición que coroa o seu único retablo que, xunto coas imaxes, mandou facer Bartolomé Espinosa, comisario do Santo Oficio e cura de Abades e anexos. A tradición di que a antiga capela estaba situada un cento de metros máis arriba, coroando o penedal que aínda se coñece como o Coto do Santo, que sinala unha cruz de ferro que substituíu á de madeira que podreceu anos atrás. O cotarelo que domina o curso do río Deza, con trazas de ter sido castro ou torre vixía na antigüidade, ofrece boas panorámicas das terras de Bascuas e Merza, no municipio dezao das Cruces.

Da capela, ofrece unha ampla descrición José María Ezequiel Ferrer Valiente no libro “Historia do culto aos santos en San Caetano de Bazar” (Edicións Fervenza, 2021), dando conta de que nesta afastada ermida estivo agochado no ano 1936 o escritor e político Ramón de Valenzuela, quen describe o lugar, que se atopa non lonxe da súa morada fidalga da Viña, na súa autobiografía “Non agardei por ninguén”. O mesmo Ferrer Valiente, no libro citado, describe a capela como moi sinxela con tellado a dúas augas, porta principal con pórtico no que se atopa unha rústica imaxe de pedra dun santo de difícil identificación, por canto a cabeza debe ser posterior á imaxe orixinal que semella foi decapitada en tempos e foi substituída por esta.

Sobre a porta lateral está a campá que soporta un sinxelo armazón de ferro. Na única nave da capela está o retablo barroco de madeira de ciprés, con columnas salomónicas e acios de folla de vide enlazados, coroada pola inscrición referida ao seu promotor nunha táboa ovalada. Tanto o retablo como as imaxes, que se veñen gardando na casa dos veciños por mor dos ladróns que séculos atrás roubaran as máis antigas, e só se exhiben na capela o día da festa, foron obxecto recentemente dunha restauración feita “a boa fe” ao igual que o retablo barroco, que se privou da cor dourada dos acios de vide que o adornan. O mesmo criterio seguiu a reparación do teito da capela con táboas de piñeiro, que foron dispostas con boa intención, pero con escaso rigor.

O San Caetano tamén ten romaría e capela propia dende o século XVIII en San Paio de Lodeiro de Soutolongo, en terras de Lalín, e imaxes e devoción en Grava e Manduas, neste concello de Silleda, e no célebre santuario do Corpiño e na igrexa de Xaxán, no citado municipio de Lalín.