A Feira do Cocido contará o 3 de febreiro cun gran desfile de carrozas, charangas e comparsas
19 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.A Feira do Cocido de Lalín está vencellada, dende hai anos, ó desfile de carrozas elaboradas polas asociacións e colectivos da comarca de Deza. O carácter etnográfico destes traballos é coñecida e recoñecida polos miles de visitantes que, cada ano, se achegan á vila para celebrar este evento gastronómico que xa traspasou as fronteiras comarcais e que nacía baixo aquel reclamo de Unidos por un mismo afán. O desfile de comparsas e charangas é un dos pratos fortes da feira. Veciños de Deza levan xa semanas e incluso meses traballando na elaboración das súas carrozas que amosarán ó mellor da nosa zona ou repasarán a vida política e cultural do país nestes últimos meses. A Asociación Matemático Rodríguez de Bermés, Médicos sen Fronteiras de Lalín, Asociación A Carballeira de Cercio, Asociación A Balouta de Muimenta, Atlético Cul A Balouta, Asociación de Veciños de Botos, Escudería Lalín-Deza, Asociación Veciños de Sello, Asociación Cabaleiros do Deza, Da Carballeira á Lareira de Rodeiro, Cooperativa Aprodeza e a Asociación Cultural A Carqueixa de Veiga presentarán ó público, o vindeiro día 3 de febreiro, as súas creacións. As moitas horas empregadas na confección destas carrozas foron alabadas polo concelleiro de Festas do Concello de Lalín. Agustín López asegurou que «o desfile de comparsas, charangas e de carrozas é unha das partes mais vistosas da feira e hai que agradecer o traballo que fan os veciños das parroquias de Lalín e comarca para que cada ano poidamos contar cun desfile de mais calidade e vistosidade». Por outra banda, «cada ano o listón é mais alto e o xurado pasa máis grandes apuro~s», engadiu.