Yolanda Castro, creadora de MoiNosas: «A conversa con maiores é ouro, permite reconectar co saber común»
LALÍN
Os proxectos desta pedagoga terapéutica de Lalín son sensibles co coidado ambiental e de conexión coas raíces
01 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Profesionalmente Yolanda Castro (Puxallos, Lalín) é mestra de pedagoxía terapéutica, pero tamén moitos a coñecerán pola súa faceta de artesá e divulgadora a través de obradoiros da vida sostible, que imparte por distintos recunchos, ou a través de recentes exposicións das súas pezas artesás que leva a feiras, ou semanas atrás á Algarabía. Esta lalinense é quen lidera o proxecto MoiNosas.
—Preséntenos a MoiNosas.
—MoiNosas é un proxecto con alma, raíces e moito agarimo polo que nos rodea. Eu, que combino o meu labor como mestra de pedagoxía coa miña faceta de artesá, sempre sentín que ensinar, crear e coidar están fondamente ligados. Así, ao longo dos anos fun unindo as miñas paixóns: o amor pola natureza, a creatividade e a comunidade dando forma a un proxecto que conecta coas raíces e co presente. Naceu primeiro como un acto de coidado ambiental, non che vou mentir. Sentía a necesidade de reducir residuos, de vivir máis en coherencia co que pensaba e co que facía. Xurdiu pois de maneira orgánica, como unha extensión do meu día a día: facer as miñas candeas, cosmética, accesorios e obxectos útiles con materiais respectuosos coa terra. Co tempo a idea foi medrando ata converterse nun espazo de creación, aprendizaxe e encontro.
—Pero tamén viaxou moito, foi voluntaria...
—Viaxar soa foi unha boa parte deste camiño. Despois de moverme entre culturas e persoas diferentes, levoume a coñecerme máis, a confiar en min mesma e no meu criterio, e a descubrir que o mundo é máis acolledor do que as veces pensamos. Durante anos sentía ganas de cambiar o mundo enteiro, ata que entendín que iso é comezar polo que tes diante. E iso é MoiNosas: unha semente de cambio cotián.
—Nese amplo catálogo de elaboracións artesanais, que podemos atopar?
—Elaboro candeas de cera de abella, e produtos con derivados que lle merco ao apicultor local David Liñares, pero tamén fabrico pequenas pezas de macramé e obxectos ecolóxicos de uso diario. Dentro do amplo abano de actividades que realizo está a organización de obradoiros didácticos de candeas, cosmética natural, macramé e saberes tradicionais como é o uso das plantas. A procura do benestar a través do ioga restaurativo e da risa, que buscan cultivar o coidado interior, son outras das experiencias que levo a cabo.
—Experiencias das que sempre se saco algo de aprendizaxe?
—Por suposto. Sempre aprendo infinito no día a día. Lémbrome que un ano cultivei e colectei luffa, que é unha esponxa vexetal que ao mellor xente aquí coñece ben, e eu, coma unha cativa feliz, ía contando o meu proceso de cultivo ás participantes en obradoiros, e nunha ocasión unha muller díxome: «Bueno, bueno, se iso xa o cultivabamos nós antes». Unha afirmación que me fixo reflexionar, e quedei pensando no momento en que se perdeu o cultivo da luffa e cando nos diriximos a mercar directamente as esponxas. Para min, esas conversas con maiores son ouro ao permitirnos reconectar co saber común, e tamén devolverlle valor a todo aquilo que parecía esquecido.
—Quedan atrás meses de participación en feiras, impartición de obradoiros, presenza na última edición da Algarabía de Lalín, que ten en axenda para as semanas vindeiras?
—O vindeiro evento que me ten moi ilusionada será o cuarto encontro do Renaturalízate, que se vai celebrar os próximos días 7, 8 e 9 de novembro en Casaio. Aí estarei xunto coa equipa de Eco dos Teixos, e será unha fin de semana na que se combinará a natureza, o movemento e a creatividade. Para min é unha gran oportunidade para seguir nesa senda que tanto me gusta de conectar coas persoas, e de todo o espazo que nos rodea. Logo teño tamén citas pechadas en varias parroquias da contorna para impartir obradoiros de ioga da risa, de cosmética natural e de bosques comestibles. Como participo tamén en feiras e encontros artesáns, penso que para o Nadal irei a algunha, que seguramente abundarán para esas datas. De feito xa podo avanzar que estarei o 21 de decembro nunha que organiza a asociación de veciños de Camposancos (Lalín) dentro da programación que elaboraron con motivo da celebración das festas do Nadal.
«O voluntariado levoume a experiencias de convivencia en Asia e Tanzania»
Asistir ás feiras é para Yolanda Castro unha fortuna, «por ser sitios de encontro, non só de venda, aínda que obviamente sempre se agradece», apunta cun sorriso. Pero a lalinense de Puxallos tamén goza da fala coa xente das parroquias, á hora de compartir un tempo nun obradoiro, todo iso nun horizonte no que MoiNosas continúa a ser un proxecto vivo e en constante movemento, como ela mesma. «De cara ao futuro, quero seguir ampliando a presenza en feiras de proximidade. Foi xenial estar na Algarabía este ano, por exemplo», apunta.
A artesá lalinense tamén aposta por continuar medrando na parte dos obradoiros itinerantes que a levan a coñecer cada vez un chisco máis o amplo rural galego. Nos seus soños está colaborar con outros compañeiros artesáns máis, «seguir espallando o valor do pequeno, do sostible, do que se fai cunha enorme paixón». Yolanda ten algo moi claro: non quere que MoiNosas se converta nun proxecto grande, pretende manter a súa esencia primixenia. «Loito para que sexa coherente, sincero e con alma. Que continúe sendo ese lugar onde o tempo se desacelera, onde se fala, se crea, se ri, e onde o que pasa deixa pegada». Como o enorme poso que lle deixou o voluntariado dentro e fóra de Galicia: Asia, Tanzania, Irlanda... con experiencias de convivencia e colaboracións en proxectos ambientais e sociais. «Compartín tempo en espazos comunitarios onde se traballa co medio natural, a educación e o apoio mutuo, aprendendo a importancia de coidar persoas, animais e terra, e iso fíltrase agora no que fago».
E Yolanda Castro, cuxos traballos poden atopar en redes, agradece este achegamento seu ao lector; «é bonito sentir que podemos inspirar, compartir luz e poñer en valor o feminino, o esencial e o sostible».