«Imos romper co cliché de que a cociña é só unha cousa de nenas»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Adrián Freiría

Patricia Galego, de Qüocjem Biocociña de Lalín, comeza o luns un campamento diferente, no que a cativada elaborará receitas

28 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Defínese a si mesma como cociñeira de vocación e corazón, apaixonada da cociña de tradición, de horta, de quilómetro cero e de tempada, aínda que a lalinense Patricia Galego García formouse oficialmente como dietista e nutricionista. Actualmente dedica o seu tempo profesional ao seu mimado proxecto de Qïchen Biocociña, que compaxina coa realización de eventos e a inminente apertura do campamento de cociña para a cativada.

—A necesidade de conciliación fai agromar campamentos por todos os recunchos, pero cal é a proposta de Qïchen?

—Pois no mes de xullo seguiremos apostando polo noso proxecto educativo coa oferta dun campamento de cociña saudable para cativos. Trátase dun campamento dinámico, 100 % inclusivo, divertido pero sobre todo educativo, no que a máxima é facer da cociña o medio polo cal ensinar aos máis pequenos da casa a importancia dunha alimentación saudable; unha premisa pola que apostamos ao longo de todo o ano. É un campamento no que tentamos tamén romper roles, como pode ser o cliché de que a cociña é só unha cousa de nenas. Buscamos tamén o pensamento crítico para poder dese xeito discernir entre a realidade e a publicidade, para así facer unha boa escolla de produtos á hora de preparar a nosa lista da compra.

—Como estruturará as horas de traballo cos rapaces?

—A máxima deste campamento será sempre buscar a aprendizaxe a través da diversión e da curiosidade, así como a participación activa en todo momento. Entraremos ás 10.30 da mañá, aí presentaremos a receita -ou as receitas- da xornada e os ingredientes que precisaremos. Nalgúns casos teremos o necesario nas despensas da escola, e noutras ocasións tocará ir a mercar o que nos permitirá aprender a buscar o mellor produto, pero sen descoidar o prezo. Haberá descanso a media mañá, e será cando os cativos preparen xa as súas merendas. Se a receita, e o tempo o permite, poderemos dar un paseo ata o parque. Algúns días xa están programadas manualidades e argallamos algo moi chulo que nos terá tamén fóra, nunha zona verde pretiña de Qïchen. Ás 13.30 daremos por rematada a xornada no campamento, e os rapaces levarán as súas preparacións para as casas.

—Durará só ao longo do mes de xullo ou terá continuidade nas seguintes semanas?

—Este campamento está pensado para facerse só as catro primeiras semanas do mes de xullo, pero a rapazada ten a posibilidade de acudir en semanas soltas ou as catro semanas, según mellor lle conveña aos pais. O que fixemos foi limitar as idades un chisco, coa mágoa de que algúns se quedasen sen praza, pero non era doado estruturalo cun abanico máis amplo de idade polo que o campamento é para cativos de entre 4 e 12 anos. Dicir que nalgunhas das semanas restan pequenos ocos por se alguén está aínda interesado, que xa estamos pechando os grupos así que toca darse presa.

—Aos nenos gústalles a cociña?

—Os cativos están encantados de cociñar, gozan aprendendo, probando e levando para a casa as preparacións que eles mesmos elaboraron na escola; que me consta, que van en moitas ocasións como agasallo para os seus papás e as súas mamás.

—Cales son as vantaxes de deixalos experimentar?

—A principal vantaxe, de lonxe, é que os rapaces se animan a probar alimentos, texturas e sabores que doutro xeito lles custaría un montón, e que incluso algúns -estou convencida- nunca probarían. Os rapaces enriquecen sen decatarse a súa alimentación, ao mesmo tempo que toman conciencia do binomio inseparable que forman a alimentación e a saúde.

«A recollida de aceite usado para elaborar xabón foi o primeiro obxectivo medioambiental»

Qïchen Biocociña, o proxecto de Patricia Galego, naceu fai agora tres anos logo de sopesar e valorar moito a idea, que a levou a saír da súa zona de confort e case comezar de cero; pero o esforzo pagou a pena, comenta. Patricia buscaba crear unha pequena escola onde ensinar a comer e a cociñar, «onde deixar remexer, mesturar e experimentar a grandes e pequenos... e a acollida foi tal, que a día de hoxe, aínda teño pendente a creación dunha ou dúas sesións semanais para adultos», apunta. Agradecida aos que apostaron, e seguen crendo no seu traballo, atopou nos máis cativos uns alumnos entusiastas. Unha escola de cociña e de aprendizaxe na que nenos e nenas comparten todo por igual, «e quero crer que estos cativos, que serán os adultos do mañá, levan a semente da igualdade na alma como algo natural».

Atrás queda xa un curso que foi fugaz, divertido e cheo de ensinanzas non só para os cativos senón tamén para a propia profesora, recoñece Patricia, que incansablemente continúa innovando poñendo en marcha un proxecto de 11 obxectivos medio ambientais. «Denominámolo Pequenos Xestos de Qïchen ao ser propostas que xurdiron entre todos. A cativada expuxo as súas ideas sobre o xeito de mellorar a saúde do planeta, e desa tormenta de ideas seleccionados as máis interesantes e dámoslle agora forma». O primeiro xesto centrouse na recollida de aceite de cociña usado, co que se elaboraron xabóns e os primeiros están xa curándose no almacén da escola. O mes de xullo será o da compostaxe, con elaboración dun composteiro «e aprenderemos a estruturalo para que os nosos restos orgánicos muden nun abono para as hortas e macetas». Agosto será o mes de porta pechada en Qïchen, e en setembro os nenos prantexarán o novo xesto.