A ampliación do Auditorio de Vilatuxe (Lalín), unha obra solicitada polos usuarios do edificio e pola propia veciñanza, enfila unha nova fase despois de que se asinase en notaría o pasado luns a compra dos terreos, segundo anunciou onte a tenente de alcaldesa do Concello de Lalín Paz Pérez en Radio Voz. Unha xestión que dixo, foi complexa pero que agora, «en breve os veciños e interesados poderán coñecer todos os detalles do proxecto». Tamén a veciñanza estará convidada a unha xornada de portas abertas, prevista para marzo, para coñecer o edificio polivalente, situado na Rúa Manuel Rivero, que xa ten pechadas algunhas das primeiras iniciativas a celebrar nas instalacións. «As actividades de conciliación de Semana Santa a finais de marzo, xornadas de temas como a Axenda Urbana, de convivencia da EDUSI con outros concellos que a tiveron, e sobre posibilidades de formación con representantes de varios puntos de España centrarán algúns dos primeiros actos», confirmou Paz Pérez.
Preguntada polas queixas de veciños da Rúa Areal ao diminuír aparcamentos pola obra de humanización que se executa, a concelleira popular afirmou que dita obra «responde a unha petición de todos os veciños da rúa aos que se lles presentou o proxecto no pavillón». Recoñeceu que por aquel entón xa había algunha dificultade coas prazas de aparcamento, pero que se adecuaron bastante as peticións ao proxecto e que o concelleiro de Obras e Servizos escoitou a pé de rúa problemas que se foron solventando. Aínda así insistiu en que «probablemente haxa que tomar algunha decisión máis neses espazos, ao igual que noutras rúas de Lalín, implantando unha zona azul que facilite a rotación de vehículos».
Por outra parte Paz Pérez cualificou de desagradable a situación que mantén o goberno central respecto da débeda de 7 millóns de euros; «crea desconfianza e a devolución do IDAE acumula nestes intres 19 meses de atraso».