O primeiro científico galego

José ángel docobo LALÍN

LALÍN

CEDIDA

No 250 aniversario do nacemento José Rodríguez González, o matemático de Bermés e Fillo Ilustre de Lalín

29 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que deslucido polos motivos ben coñecidos, quen non sabe que este ano se conmemora o 250º aniversario do nacemento do gran Ludwig van Beethoven?.

José Rodríguez González, o matemático de Bermés, naceu tamén en 1770, na mencionada parroquia lalinense, e é posible que chegase aos seus oídos a fama do insigne compositor e pianista, non podéndose descartar incluso que o tivera coñecido persoalmente, xa que logo Rodríguez pasou moitos anos fóra de España, principalmente en Francia, Inglaterra e Alemaña. Era ademais un amante da música. O seu sobriño e primeiro biógrafo, Francisco Javier, dixo que «… se dedicaba a la música, al baile, a la historia natural y además por gusto y pasión sin maestros y no por los mejores libros se dedicó a las matemáticas puras y aplicadas...».

Refírese á etapa na que estudaba na Universidade de Santiago, Filosofía e Teoloxía. En 1801, grazas aos coñecementos adquiridos maioritariamente pola súa conta, obtén por oposición a cátedra de Matemáticas, materia que por aquel entón debía cursar o alumnado de Medicina. Dous anos despois, aconsellado e apoiado polo coengo Pedro Antonio Sánchez e polo seu gran amigo o boticario Julián Suárez Freire, marchou a Francia para ampliar estudos e horizontes.

En París, estudou Astronomía e Altas Matemáticas no Observatorio e mais no Colexio de Francia, onde traballou e tivo a amizade de grandes científicos como Laplace, Delambre, Biot, e Aragó. Deles saíu a recomendación ao Goberno español para que Rodríguez fose nomeado comisionado para a medida do meridiano entre Barcelona e Formentera. No verán de 1806 sae de París xunto con Biot e Aragó estando xa en setembro en Barcelona, trasladándose logo a Valencia e Baleares. Nestes traballos, que duraron case que dous anos, participou así mesmo José Chaix.

En outubro de 1809 volve a ser comisionado, esta vez a Inglaterra, para investigar os Establecementos Científicos daquela nación, particularmente aqueles destinados á práctica e ensinanza da Astronomía e as súas aplicación á Xeografía e Navegación. Alí relaciónase con membros da Royal Society, un deles José Mendoza Ríos, quen presentou en 1812 ante dita institución un artigo de Rodríguez no que propón unha explicación dos erros cometidos nunhas medidas xeodésicas feitas un anos antes e cuxo resultado contradicía aos da física de Newton. Philosophical Transactions, a revista científica máis sobranceira da época o recolleu nas súas páxinas.

Volta a Santiago

O 20 de xullo estaba de volta en Santiago, e imparte Matemáticas Sublimes durante dous cursos, sendo este o nome da súa cátedra coa nova Lei de 1807. Domingo Fontán, autor en 1834 do excelente mapa xeométrico de Galicia, foi un dos seus alumnos,

recoñecendo a Rodríguez como o seu inspirador e mestre.

Comisionado agora para estudar Ciencias Naturais e Mineraloxía, sae cara Alemaña en 1814. Traballou dous anos en Freiberg con Abraham Gottlab Werner, considerado como grande especialista na Xeoloxía e Mineraloxía moderna e pasa logo un semestre en Gottinga con Friedrich Gauss, publicando alí en alemán Sobre as proporcións do esferoide terrestre.

Tres anos mais tarde regresa a París, e nesta nova estadía da capital francesa merca para a Universidade de Santiago instrumentos para o Gabinete de Física e outros máis por encargo de Fontán. Estuda ademais con René Just Haüy, considerado o pai da Cristalografía, quen lle brinda a súa amizade e lle agasalla os Modelos Cristalográficos que se conservan no Museo de Historia Natural de Compostela. Recibe logo propostas, tanto do goberno arxentino como do ruso para dirixir os correspondentes Depósitos Xeográficos, pero considérase un patriota e consulta ao goberno de España antes de tomar decisión.

A comezos de 1819, e posiblemente para evitar a súa marcha, noméano profesor de Astronomía do Museo de Ciencias Naturais de Madrid, renunciando nese mesmo ano a súa cátedra de Santiago e sendo nomeado, aínda que sen salario adicional, Director do Observatorio Astronómico de Madrid. Este centro atopábase naqueles intres inoperativo

e pendente de reconstrución tras a Guerra da Independencia.

Deputado por Galicia durante o Trienio Liberal (1820-22), simultaneou esta actividade coa científica. Rodríguez tiña escasa vocación política pero era unha persoa comprometida coas súas ideas. Por estes anos adoitaba facer saídas mineralóxicas a diferentes lugares da Península, pero sempre só.

A finais de abril de 1823, sae de Madrid cara a Galicia xa que logo os Cen Mil fillos de San Luis tiñan entrado en España para axudar a Fernando VII a recuperar o poder absoluto. Deste xeito calquera persoa implicada co goberno anterior corría perigo. Sábese que a súa derradeira viaxe a realizou a Portugal, visitando Lisboa, Coímbra e Porto.

Estando xa doente, o 12 de setembro de 1824 regresou a Santiago, onde faleceu o día 30 do mesmo mes.

Nomea a Julián Suárez Freire como único e universal herdeiro. O seu legado científico formado por libros, manuscritos e algún instrumento está case todo desaparecido, salvo os Modelos Cristalográficos antes comentados.

Son varias as biografías escritas sobre Rodríguez, unha delas por Ramón María Aller Ulloa. Nos últimos anos, o investigador Iván Fernández aportou obras inéditas do matemático de Bermés, e na actualidade Carmen Villanueva está a preparar unha Tese

de Doutoramento sobre esta personalidade, dirixida polo profesor José Ángel Docobo. O matemático Rodríguez pode ser considerado o primeiro científico galego.

José Ángel Docobo, científico e docente da USC