Ao encontro benéfico asistiron unhas 200 persoas que contribuíron a esta campaña pagando unha entrada de tres euros
25 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.As mostras de boa vontade para axudar a Hugo na súa loita coa enfermidade Dent seguen. O Cordeiro xuntou o venres, no partido disputado dentro da Copa Deputación ante o Lalín, un total de setecentos euros que serán doados á asociación ASDENT e cos que se pretende contribuír á investigación desta doenza xenética, considerada rara, que afecta á función dos riles e que lle foi diagnosticada ao neno Hugo, de seis anos, xogador da Sociedade Deportiva Escravitude.
Ao encontro benéfico asistiron unhas 200 persoas que contribuíron a esta campaña pagando unha entrada de tres euros. O Cordeiro C.F. destinou a recadación íntegra pola venda de entradas á asociación ASDENT. Ademais, houbo espectadores que fixeron doazóns a maiores ata sumar unha cifra total de 700 euros.
O pequeno Hugo e os seus pais estiveron entre os asistentes ao partido e recibiron, ao remate dos 90 minutos, un cheque simbólico coa cantidade doada, que onte o Cordeiro tiña previsto facer efectiva mediante transferencia bancaria. Esta non é a única iniciativa que se está a desenvolver en Valga para colaborar con Hugo. En varios puntos da vila están colocados varios colectores para que os veciños depositen neles os tapóns de plástico que se enviarán a unha planta de reciclaxe en Ourense. A empresa ODL cedeu os colectores e facilitará o seu transporte.