«Este parque eólico é o máis rico de Galicia e non se nota»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Xosé Dobarro anima aos dezaos a participar na andaina reivindicativa pola Serra do Candán.
Xosé Dobarro anima aos dezaos a participar na andaina reivindicativa pola Serra do Candán.

Os comuneiros prantexan unha xornada reivindicativa para que se atendan melloras medioambientais na parroquia

25 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Parroquia de Zobra (Lalín) desenvolverá o vindeiro 4 de xullo unha Xornada polo Desenvolvemento da Rede Natura Serra do Candán. Unha chamada de atención, salienta Xosé Dobarro Casado, para que os responsables das administracións se coordinen á hora de investir e preservar axeitadamente a zona.

-A que atende o desenvolvemento desta actividade?

-Dende a comunidade de montes vimos traballando para termos o parque natural máis importante do centro de Galicia. A preservación do medio é, dende logo, o noso gran obxectivo e estamos ollando como é invadido con actividades que non teñen moito que ver co medioambiente e que hai un diñeiro procedente dos eólicos que non se emprega de xeito coordinado entre concellos. As cousas que fixeron é un auténtico despropósito e os proxectos que se fagan teñen que redundar nunha mellora. Este parque eólico que temos aquí é o máis rico de Galicia e non se nota.

-O máis rico, ¿de que cifras estamos a falar?

-A nosa parroquia fai unha aportación de 2.500 hectáreas e, a falta de coordinación entre concellos da que falaba, fixo que se perderan uns 100.000 euros ao ano. Unha importantísima suma xa que estamos ante dous parques que están dentro da Rede Natura que producen unha media de 20 millóns de euros anuais, e nós só vimos como se investiron 13.500 euros este ano en melloras. Foi a primeira vez e entendemos que polo feito de estar os parques na Rede Natura, os plans de compensación por impacto ambiental deben investirse na mellora medioambiental.

-Que proxecto se materializou?

-Fíxose un peche no agro de Zobra, na entrada á parroquia, unha obra que executou o concello. Foi a primeira vez que se investiu diñeiro froito desa falla de coordinación e concreción entre os cinco concellos que teñen representatividade nos parques.

-Como prantexan a xornada do 4 de xullo?

-Como unha andaina reivindicativa silenciosa para que o noso berro chegue o máis lonxe posible. A xente amiga do Candán e de Zobra sabe que temos 24 quilómetros de ruta circular, da que faremos un percorrido, haberá xantar -previa reserva na Trigueira- e estreo dun documental sobre comunidades de montes.

xosé dobarro membro da comunidade de montes de zobra