O sábado medirase aos seus ex compañeiros por segunda vez
18 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.O vindeiro sábado o Embutidos Lalinense Balonmán Lalín visitará ao Porriño, o líder da categoría Nacional A, e un equipo no que milita un vello coñecido, Martín Iglesias. O lalinense xa gozara de algúns minutos no partido da primeira volta disputado no Arena, pero case de xeito apresurado. Agora as circunstancias son outras.
-¿Como se afronta un partido contra o equipo de toda a vida?
-É un partido que me apetece xogar. Na ida foime moi difícil. Sei que non son o primeiro nin serei o último que se enfronte ao seu exequipo, pero levabamos toda unha vida xogando xuntos. Ademais, a Lalín eu chegaba con 15 días de adestramento, mentres que o resto dos xogadores xa levaban dous meses. Agora estamos en igualdade de condicións e para min é un alivio. Na ida sabía que non ía poder axudar moito ao Porriño, pero agora teñen bastante confianza en min e tentarei axudar en todo.
-¿Enfrontarse a xogadores aos que se coñece á perfección implica algún tivo de vantaxe?
-Si e non. Eu coñezo aos meus antigos compañeiros, pero eles tamén me coñecen a min, sobre todo, os porteiros. Tes algunhas vantaxes, porque sabes por onde andan e por onde non, pero a eles pásalles o mesmo.
-¿Chegará a pleno rendemento ao partido do sábado?
-Tiven unha lesión, unha rotura de fibras no xemelgo, antes de Nadal que me impediu xogar o último partido da primeira volta. Xa volvín a adestrar e o sábado xoguei, pero sentín un pinchazo. Parece que non hai rotura e estou apurando ao máximo a recuperación para chegar ao partido.
-Coñece ben aos dous contrincantes. ¿Como cre que será o encontro?
-Este ano vin bastantes partidos do Lalín, e creo que será un encontro de moitos goles, de correr e intenso. O equipo que este mellor á hora de parar contras directas e deter transicións terá moito gañado.
-¿O partido terá moito que ver co da primeira volta?
-Pouco. Vai ser diferente porque os dous equipos melloramos moito dende aquelas. Era o segundo partido de Liga e aínda había moitas dúbidas por resolver. Nós xogamos bastante diferente, e a eles seguramente lles pase o mesmo. Do que non teño dúbidas é de que atoparemos a un Lalín moi competitivo. Hai xente como Pablo, Pincho, Rubén ou Roberto que sempre xoga ao máximo nivel, sexan últimos ou primeiros. Enfrontarte ao Lalín é difícil en calquera momento da Liga, non lle sucede como a outros equipos, que igual baixan a súa competitividade ou a súa implicación.
-Para o Embutidos é un partido importante xa que é unha saída difícil que o porá a proba, pero no caso do Porriño, está en xogo manter ou ampliar os a marxe que os sitúa líderes.
-Si, para nós é un partido moi importante porque ademais por calendario hai algúns enfrontamentos directos que poden axudarnos. Os resultados cambiáronnos moito as cousas. Pasamos de ter a salvación como meta a prantexarnos outros obxectivos. A xente non ten moita confianza en nós, pero imos estar moi atentos e sabemos que cada partido costa moitísimo impoñerse ao rival. Esta semana só entra nas nosas contas gañar.
-Xa pasaron algúns meses dende que decidira incorporarse ao Porriño. ¿Contento de ter dado o paso?
-Si. Ao principio para min era todo unha incógnita, pero o ambiente que me atopei foi marabilloso e a xente recibiume moi ben. Son un máis na plantilla e estou moi contento.
martín iglesias xogador do bm porriño
«Vai ser diferente ao da primeira volta porque os dous equipos melloramos»