«Non merecemos ir tan abaixo»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Considera que os resultados non se corresponden co traballo que se fai

09 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A ducia de tempadas que Rubén Martínez ten ás súas costas na primeira plantilla do Balonmán Lalín capacítano para facer unha análise certeira e próxima do momento que atravesa o equipo. O Embutidos non vive horas doces en canto a resultados, pero hai confianza en que o traballo diario e o esforzo se traduza logo nas tan necesitadas vitorias.

-As cousas parece que non están a saír moi ben.

-Creo que se ve, sobre todo nos partidos da casa, unha imaxe que non se corresponde co traballo que se fai. Traballamos moito e ben, pero os resultados non nos están acompañando.

-¿Hai preocupación?

-Un pouco preocupados si estamos porque non nos acompañan os resultados, aínda que por outra banda temos a tranquilidade de saber que pouco a pouco chegarán porque se está a adestrar forte.

-Diagnostíqueme o problema do Embutidos. ¿Por que non acaban de chegar as vitorias?

-Para empezar penso que o problema é que estamos mal acostumados; cremos que temos máis equipo do que realmente temos. Nós somos conscientes de que temos carencias, por unha parte temos xente nova que traballa moi ben pero que ten que acostumarse á categoría; por outro lado estamos algúns veteranos polos que pasan os anos, e para rematar, temos adestrador novo ao que temos que adaptarnos, e que ten que adaptarse a nós. Todos os factores suman.

-Entón, ¿a clasificación fai xustiza ao equipo?

-Non, non merecemos ir tan abaixo, pero baixo o meu punto de vista tampouco temos plantilla suficiente para estar entre os cinco primeiros. Somos un equipo en formación; hai moi boa base, e de cara a tres, catro anos, haberá moi bo nivel, pero agora mesmo temos que ser conscientes de que somos unha plantilla con limitacións.

-¿Como cre que se poderían compensar esas limitacións?

-O bo é que a nivel interno vemos esas carencias e somos conscientes de que traballando se poden suplir. Traballando, e cambiando a racha de resultados -porque a sorte non nos está acompañando- podemos facer fronte, contando de que as cousas nos saian ben, a todos os equipos da categoría. Senón, co 70% dos equipos podemos loitar.

-A nivel de xogo, ¿onde descansan os problemas do Embutidos?

-Eu vexo dous problemas principais. O primeiro é que en defensa, en xeral, non estamos facendo ben as cousas. O partido do pasado sábado foi no que mellor se traballou no que vai de Liga, foi o primeiro día no que se deixou de xogar individualmente e se primou o traballo colectivo. Cando xogamos colectivo, podemos competirlle ao terceiro clasificado, e de feito ante o OAR merecemos cando menos un punto. Defendemos ben e estivemos metidos todo o partido. O aspecto defensivo é a clave, e imos mellorando.

-¿E o outro problema?

-Ofensivamente temos que tentar fallar menos lanzamentos claros. Estamos errando desde seis metros, algunhas contras sinxelas,... Temos que corrixilo

-Antes falaba de colectividades e individualidades. ¿O Lalín peca moito nese aspecto?

-Aquí, desde sempre, primaron as individualidades, e neste momento hai que cambiar esa cultura. Estamos tirando cara un xogo máis colectivo porque nos aporta moito máis. Temos grandes individualidades, pero debemos potenciar o colectivo porque nos dá máis marxe. Penso que xa estamos cambiando esa mentalidade e que debemos quedarnos con ese concepto de colectividade.

-A nivel de xogo, ¿cre que o paso das xornadas mudaron de xeito substancial a imaxe do BM Lalín e a súa capacidade de resposta?

-Aquí atopámonos con dúas situacións diferentes. En pretempada penso que se xogou con máis confianza, sen presión, e incluso ante equipos de superior categoría fixemos moi bos partidos. Dende o inicio da Liga estamos mellorando, co paso das xornadas estamos evolucionando, pero necesitamos máis confianza en nós mesmos. Este sábado tócanos Zamora, que está moi forte, e pode ser un aliciente para nós se o facemos ben. Temos que volver ser unha pista difícil, aínda que nos vai custar poñer de novo o listón onde estaba.

-Comenta que o Embutidos xoga mellor fóra ca na casa. ¿Padece de pánico escénico?

-Non sei se pánico escénico, pero si máis presión. Non sei se é por querer agradar á afición ou porque en teoría na casa sempre estás máis obrigado a gañar, pero fóra xogamos con outra tranquilidade.

-Ademais de serenidade, ¿cal é o camiño a seguir?

-Temos que primar un pouco máis aos extremos. Na primeira liña estamos moi xustos e aguantamos ben 20 ou 25 minutos, pero logo vaiche custando máis e vas fallando máis lanzamentos. Debemos mover máis o balón e ter máis pausa.

-¿Que tal levan o de ter que compaxinar algúns postos?

-Gustavo e Marco son os que mellor responderían a iso, porque son os que están asumindo papeis distintos aos de extremos. Os cambios veñen dados polas necesidades, e penso que temos xogadores de calidade que están respondendo moi ben.

-Xa para rematar, ¿como se leva nos vestiarios o de vivir unha Liga tan disputada coma esta?

-É bonito para todos, tanto para a afición como para nós, pero cando non acompañan os resultados e te atopas nunha posición complicada, pois preocúpate.

rubén martínez lateral do embutidos lalinense balonmán lalín

«Estamos tirando cara un xogo

máis colectivo porque nos aporta moito máis»

«Fóra de Lalín xogamos con outra tranquilidade, na casa saímos con máis presión»