O valor dun toxo

Xosé M. Méndez

LALÍN

Os toxos, para un ignorante, non teñen valor. Por iso os estamos queimando en Agolada, en Lalín e en toda Galicia, a razón incrible de 104 incendios por día. Antes, e non hai moitos anos, si que tiñan valor para os labregos, que os usaban para facerlle a cama as súas vacas, pero agora as vacas modernas non usan iso.

Os toxos non teñen valor. Tampouco os piñeiros nin outras árbores de madeira, que queimamos con eles. Non somos capaces de conseguir unha producción axeitada de madeira, -nun pais coma o noso con características forestais inigualables-, por iso os nosos montes non teñen valor. Pero ¡que é o Valor? ¿O Valor económico? ¿O Valor paisaxístico, que se di agora? Os cartos... ¡sempre os cartos!. Cando non podemos cambiar algo por cartos pensamos que non ten valor, ou non llo vemos. Por iso os queimamos. Pero os toxos teñen nome e apelido. Para un biólogo, un toxo chámase: Ulex europaeus, i é unha planta «leguminosa» que fixa o nitróxeno do aire e abona a terra, que fai a fotosíntese, proceso no cal se fixa o carbono que existe no aire, e transfórmase en carbono orgánico nos organismos fotosintetizadores.

As plantas son organismos fotosintéticos. Con axuda da luz purifican o noso aire e fano respirable. É dicir: o CO2 que nós producimos coa contaminación diaria vai ser retirado e fixado polas plantas para conformar a súa estructura vexetal. Ao mesmo tempo que fixan este CO2 emiten osíxeno na mesma proporción. E fano de xeito gratuíto, e a razón, de aproximadamente 100 millóns de toneladas en todo o Planeta cada ano. Este carbono vai formar parte dos compostos orgánicos da biomasa vexetal, ata que volva a atmosfera cando a planta morra ou se queime.

Ista é a razón, e non outra, pola que precisamos as plantas para vivir. Precisamos unha cantidade de plantas por persoa. Para que nos dea o osíxeno, e nos recolla o noso dióxido de carbono que expulsamos pola boca, ou polo tubo do coche,... é o que os biólogos chaman «Pegada ecolóxica», é dicir, a área de territorio ecoloxicamente produtiva (cultivos, pastos, bosques ou ecosistemas acuáticos) necesaria para producir os recursos utilizados e tamén para asumir os residuos ou emisións dunha persoa ou unha poboación.

A vexetación, sen contar o prezo da madeira, ten o valor de protexer da erosión, reter a escorrentía, producir regulación hidrolóxica, regular a temperatura, axudar ao equilibrio e protección da fauna, e , ademais, pode producir enerxía eléctrica e biogás nunha central adicada a biomasa.

Se souperamos iso non queimariamos o monte. Pero non sabemos cal é o valor dun toxo. Iso chámase ignorancia.