A Asociación de Escritores en Lingua Galega, co apoio de 193 colectivos, dos que cinco son da zona, recordará á poetisa
01 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O 25 de maio de 1891 tivo lugar o traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro. Agora, o vindeiro 15 de xullo, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) levarán a cabo un acto cívico e reivindicativo en lembranza de dita efeméride ao que se están sumando asociacións de distintos puntos da xeografía galega.
O cortexo cívico, organizado pola asociación de escritores galegos, reúne actualmente a 193 colectivos que se adheriron á iniciativa sendo cinco deles da zona. Trátase da Asociación Cultural e Ecoloxista Verbo Xido (Cerdedo), Asociación Cultural O Naranxo (Lalín), Asociación Cultural Vagalumes e Centro Social Setestrelo de A Estrada e a Asociación Socio-Cultural Adellís, de Silleda. Colectivos que convidan aos socios e a todos os interesados en tomar parte na actividade que comezará cun tren, identificado como «Follas Novas», que partirá da estación da Matanza -preto da casa de Rosalía- o xoves día 15 ás 17.45 horas para facer o traxecto Padrón-Compostela. Con anterioridade, -ás 16.45 horas- está programada unha concentración na colexiata de Santa María de Iria -no cemiterio de Andina- onde Cesáreo Sánchez (presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega) dará conta do sentido dos actos e lerá un poema de Rosalía de Castro.
A comitiva restante agardará en Compostela e, de fondo, os sons da banda municipal para saír pola rúa do Hórreo cara a Praza do Toural, que será a primeira parada do cortexo. Alí, lectura de poemas de «Cantares Galegos» para proseguir pola Praza da Universidade e pola Praza de Cervantes onde se lerán máis poemas de Rosalía.
Finalmente será en San Domingos de Bonaval onde terá lugar unha audición do «Ángelus» de Massenet xunto cunha lectura de poemas de «Follas Novas». Acto no que se irán intercalando actuacións de diversos grupos musicais e artistas participantes, para rematar coa lectura dun comunicativo reivindicativo da figura de Rosalía de Castro -cando se cumpren 125 anos do seu pasamento-.
A Asociación de Escritores en Lingua Galega anima a colectivos e á cidadanía á participación e lémbralles ás persoas que queiran formar parte do cortexo facendo uso do tren, entre Padrón e Compostela, que deben de formalizar a súa anotación. Inscrición que deben de realizar antes do 8 de xullo no enderezo electrónico da asociación de escritores: www.aelg.org. O prezo será de 5 euros por persoa, que se aboará durante o traxeccto e a viaxe en tren será só de ida dende a vila de Padrón ata Compostela.