A Asociación O Naranxo de Lalín colgou unha nova versión da súa páxina web que xa recibiu mil visitas
30 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A Asociación Socio-Cultural O Naranxo contaba anos atrás cunha páxina web que actualmente xa non estaba operativa. Dende o pasado 5 de setembro o colectivo oferta aos internautas unha nova versión, totalmente actualizada e remozada, da que se están a facer cargo cinco persoas entre as que está o secretario da asociación Alberto Granja.
Unha páxina web que pretende ser unha plataforma de opinión, aberta a todos aqueles que teñan algo que reflectir. «É un espazo no que imos poñendo todas as convocatorias de actividades culturais que se desenrolen na zona e non temos máis pretensión que facer esta páxina, actualizada, introducir todas as novidades que vaian xurdindo e facer de plataforma aos que teñan algo que comentar ou comunicar», explica Alberto Granja.
En www.onaranxo.org o internauta poderá acceder a un interesante arquivo, que está medrando día a día. «Son contidos de 24 anos de existencia de O Naranxo en Lalín, do traballo feito e dunha morea de traballos de investigación feitos polo investigador Manuel Igrexas sobre a represión, a Segunda República...». Outra das posibilidades que oferta a páxina é poder acceder á Guía dos Castros da lalinense Carme Buxán. «Mesmo se pode baixar esta guía, por xentileza da autora, que fora editada pola nosa asociación e que está esgotada. É un libro moi demandado e está agora a disposición do público en xeral na nosa web».
O Naranxo tamén fai partícipe aos internautas das actividades culturais que se celebran -ou están programadas- noutros concellos da comarca. «Cousas que se fan noutras vilas próximas a Lalín son interesantes, e imos tentar sempre que poidamos colgalas na web. A pasada fin de semán se levou a cabo unha interesante actividade medioambiental no Castro de Tuiriz, en Silleda. É unha fantástica recuperación á que están facendo uns veciños, pois pensamos que é bon que se saiba xa que moitos descoñecen este traballo».
A pesares de levar poucos días de actividade, a páxina web de O Naranxo xa acadou un milleiro de visitas para sorpresa dos seus autores que esperan continúe o interese pola mesma. «Se dende o 5 de setembro chegamos ás mil entradas, e non se publicitou para nada a páxina, imaxínate ao que se vaia coñecendo». Por outra banda o colectivo lalinense acaba de conseguir o número 500 na súa base de asociacionismo. «Iso quere dicir que cincocentas persoas se amosaron interesadas e nos deron o seu enderezo electrónico para recibir información sobre cuestións culturais. É unha cifra, para nós, moi sobresaínte xa que amosa o interese que existe pola cultura».