Dozón, caldeirada e torresmos

RAQUEL TORRES LALÍN

DOZÓN

MARCOS MÍGUEZ

A escasa afluencia ó concurso de gando levou ó Concello a suspendelo nesta edición

20 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A comarca de Deza vivirá a próxima fin de semana dous eventos festivo-gastronómicos. En Cruces, o domingo, día 26, o galo de curral pasará de novo o pote, en Dozón, tamén a carne, pero de tenreira e acompañada de bola con torresmos será o prato estrela do festexo. Coma é tradicional, a partires da unha da tarde, e no recinto feiral de A Gouxa, os asistentes poderán degustar de xeito gratuito racións deste prato típico. Mentras á carne ó caldeiro e a bola con torresmos enchen os estómagos, charangas e grupos de gaitas encherán de música o recinto de A Gouxa, ó que este ano, sen embargo, non chehagarán as reses de raza rubia galega. O Concello de Dozón, organizador da festa, decidiu suprimi-lo concurso de gando de raza rubia e, consecuentemente, os premios ós mellores exemplares. O motivo, segundo explicaron fontes municipais, non é outro que a escasa afluencia de reses rexistrada nas últimas edicións. Ó tempo que comeza a degustación de carne, bola e torresmos, sobre a unha da tarde, o goberno local ten prevista a recepción de autoridades na Gouxa. En torno ás dúas, comezará a comida. O prezo do prato de carne ó caldeiro, nos postos que se instalarán no recinto feiral, rondará os 9,02 euros (1.500 pesetas). Un dos atractivos da festa está nas exhibicións equinas que farán, como xa ven sendo habitual, membros das asociacións de cabaleiros de Monte Faro y de A Barrela, que soen facilitar gratuitamente a monta a cabalo a aqueles que queiran disfrutar dun paseo. A festa non terá pregoeiro como tal, e, un ano máis, será o alcalde, Adolfo Campos, quen dirixa unhas palabras, a modo de discurso de benvida, os asistentes.