Patrimonio: desidia e espolio

Xosé Ramón Blanco

AGOLADA

16 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando estiven de concelleiro en Agolada, ante as miñas inquedanzas polas desfeitas producidos por unhas obras nun castro, un membro do goberno municipal do PP contestou que «pedras desas hainas a moreas polas leiras abaixo no agro». Esa era, e sigue sendo, o respecto ao patrimonio arqueolóxico e histórico dos sucesivos gobernos que eliximos no noso concello de Agolada. Pero tamén se fai extensivo a moitos municipios galegos aínda hoxendía.

Vinte e cinco anos despois, o presidente Rueda, cando os incendios deste verán, dixo que ardera «mato e pedra». As pedras neste país nunca tiveron moito predicamento, incluso se forman parte de mámoas, castros, igrexas ou casas.

Porén, quén diría o mesmo se as pedras pertencesen á Catedral de Santiago, á Torre de Hércules da Coruña ou á Muralla de Lugo?. Calquera cidadán deste país botaría as mans á cabeza e poría o berro no ceo. Algo similar a isto foi o que lle intentei contestar ao concelleiro tan pouco preocupado pola desfeita no noso patrimonio municipal. Un patrimonio formado por mámoas, petróglifos, castros, sartegos, castelos, igrexas, pazos, pendellos, hórreos, cruceiros,... pero tamén idioma, lendas, cantigas,… Unha herdanza que nos pertence a todas e todos e que nos foi transmitida polas xeracións de persoas que nos precederon a nós, nalgúns casos fai máis de 4.000 anos, noutros 2.000, 1.500 ou moitos menos anos… pero que están aí e forman parte do noso acervo cultural e patrimonial como pobo. O noso xeito de sermos nós, de manifestármonos como ente poboacional singular e de estar no mundo.

Pero aparte de darnos entidade singular como galegas e galegos, tamén as manifestacións arqueolóxicas e histórico-artísticas que forman parte do noso patrimonio, son unha fonte de riqueza económica. Un nicho de negocio. E o gobernante que non mire por coidar e promover esta riqueza mostra moi pouca capacidade e visión política de como o ocio e o turismo son tamén motor de desenvolvemento local. Para mostra as vilas galegas que atravesa o Camiño de Santiago.

A defensa, o coidado e a posta en valor do patrimonio debería ser un eixo fundamental de calquera proposta política local. E a aposta por estas iniciativas non supoñen apenas desembolso económico algún para as arcas municipais. Limpar, sinalizar, poñer un cartaz explicativo, crear rutas turísticas por mámoas, castros, sartegos, igrexas, pazos ou cruceiros senlleiros apenas custa cartos e créanme señores políticos, dá moita rendibilidade.

Renda moito, fomenta o orgullo do noso e fixa poboación.

Defendamos o noso patrimonio. Non todo é asfalto e cemento, nin festas e comilonas.