A Estrada, parada obrigada no Ano Castelao coa mostra sobre a súa actividade política e literaria
A ESTRADA
Ata o 10 de xaneiro a Casa das Letras da Estrada acolle a exposición De Sempre en Galiza ao Consello de Galiza, que ofrece un percorrido cronolóxico pola súa actividade política e literaria desde 1934, cando asina os seus primeiros artigos no desterro estremeño, ata 1944, ano da publicación de Sempre en Galiza e da fundación do Consello de Galiza, do que foi primeiro presidente.
A mostra foi presentada polo conselleiro de Cultura, José López, acompañado polo alcalde, Gonzalo Louzao e o secretario xeral de Lingua, Valentín García. López asegurou que A Estrada é «parada obrigatoria» no Ano Castelao, aproveitando unha exposición que pon o broche de ouro aos actos impulsados coa colaboración da Xunta para homenaxear ao intelectual co gallo do 75 aniversario do seu pasamento.
García destacou que Castelao era «símbolo de Galicia e punto de unión para todos os galegos e galegas», ao tempo que puxo en valor os seus lazos coa Estrada. Unha vila que foi «fonte de inspiración da súa obra pictórica» e terra natal da súa muller, Virxina Pereira.
Esta é unha das actividades que forma parte de A Estrada Mostra, unha iniciativa composta por tres exposicións, sendo esta precedida polas xa realizadas sobre Manuel Reimóndez Portela e Avelina Valladares.