Con motivo da celebración do Día do Libro, Pintaletras (calle Castelao, 6) programou para o sábado 4 de maio a primeira Feira Infantil do Libro de Segunda Man. Celebrarase de 10.00 a 14.00 horas e poderán participar todos os cativos que queiran darlle saída aos libros que xa leron. O único requisito para poder participar nesta feira é reservar praza no teléfono 682 251 320 (información só por WhatsApp) e levar a súa propia mesa (de 1,40 x 70 centímetros como máximo) e cadeira para montar o posto de venda. A participación será de balde.
Tanto os rapaces que acudan como vendedores como a clientela terán a oportunidade de fotografarse con Skye (Patrulla Canina) e de participar nun obradoiro de marcapáxinas para o Día da Nai.
O Día do Libro festexouse onte en moitos centros educativos da Estrada. Os nenos de 2 e 3 anos da escola infantil Elfos participaron nunha xornada interxeracional cos de Bacharelato do IES García Barros e cos profesores David Otero e Teresa Filloi. Xuntáronse na Casa das Letras, onde os maiores protagonizaron unha sesión de contacontos para os pequenos. Despois, na escola infantil, compartiron unha actuación musical. Os pequenos agasallaron aos seus convidados con marcapáxinas coas pegadas dos seus pés e o lema Ler deixa pegada. No CEIP do Foxo o 23 de abril tamén se festexou cunha exposición de libros escollidos polo alumnado, lecturas compartidas e contos musicalizados no Xardín da Poesía María Porto Puente.