A escritora Charo Golmar exercerá este martes de madriña na Festa das Palabras

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

R. G.

03 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O teatro Principal da Estrada acollerá o vindeiro martes, día 6 de xuño, unha nova edición da Festa das Palabras. Celebrarase a partir das 20.00 horas e festexará a ledicia de premiar ás novas xeracións de autores estradenses.

A Festa das Palabras, que acada a súa décima edición, é o punto culminante dos concursos de micropoemas e microrrelatos organizados polo colectivo Diamizaestrada, que aglutina aos departamentos de normalización lingüística de todos os centros educativos da Estrada. Nesa festa, os 62 autores gañadores recibirán o seu premio: un exemplar do libro que recolle todos os textos gañadores tanto en Primaria como en Secundaria, acompañados por 14 ilustracións feitas por estudantes de Infantil, con portada da deseñadora gráfica Rosa de Cabanas e limiar da madriña da festa.

Desta volta, a madriña da Festa das Palabras será a escritora Charo Golmar, mestra xubilada que sente devoción polos nenos e pola docencia e é autora dos poemarios Nobelo de luz e No bico do vento.

O acto contará cunha intervención da madriña da festa e unha actuación musical de Proxecto Valladares, un trío de músicos estradenses que están a recuperar e difundir a música dos irmáns Valladares de Vilancosta (Berres).