Ata sempre, compañeiro

Ana Rodríguez

A ESTRADA

Despedida de Ana Rodríguez a Manolo Sangiao

02 jun 2023 . Actualizado a las 13:29 h.

Hai veces en que a vida te une a persoas coas que sería difícil coincidir se só nos fixaramos na idade que, como din ,non é mais que un número.

Nos anos 2013 e 2014 tiven a sorte de desfrutar dunha das vivencias máis enriquecedoras de cantas levo compartido con asociacións e colectivos da Estrada.

Foi Cristóbal Montoro o que xuntou a esta filla de emigrante con outros e outras retornados aos que a Axencia Tributaria maltratou e se empeñou en considerar defraudadores. Ante tal disparate creamos a Plataforma de emigrantes retornados da Estrada, para organizar unas protestas que xa se albiscaba que ían para longo e da que eu, grazas á confianza de todos os seus membros, fun a súa coordinadora.

Entre eles destacaba Manolo Sangiao, que xunto a Pepe Neira, se converteu no meu fan número un.

Sempre animándome, ao meu carón en entrevistas con alcaldes, en plenos, manifestacións en Santiago e en Madrid…

Manolo emocionaba coa paixón coa que que defendía as súas ideas, o orgullo que demostrou sempre de ser galego, un supervivinte en Suíza, como me dixo algunha vez que se sentira nos anos de emigración.

Sen deixarse abater polas negativas dos políticos, sei que lle doera moito a miña marcha da Plataforma. Entendeu as miñas razóns e mantivemos un cariño mutuo que sempre me desmostraba cada Nadal, cando me sorprendía chamándome pasada a medianoite para felicitarme o aninovo.

Hai pouco máis dun mes atopámonos no semáforo da Baiuca. El viña de facer unha analítica e eu entraba na Tesourería. Alegrouse moito de que, por fin, traballase na vila e quedamos en que me chamaría para achegarse un día ata Arca coller as pugas das miñas maceiras que quería enxertar.

Algúns din ¡ miña terra!, din outros ¡meu cariño!, e outros, ¡miñas lembranzas! e outros, ¡meus amigos!

Ata sempre, compañeiro.