José Manuel Bértolo (Soutelo de Montes, 1949), catedrático de Grego en Secundaria ata a súa xubilación no 2011, é autor de diversas monografías sobre cultura clásica e investigador de temas de xenealoxía e heráldica. Desde o 2006 estuda xunto a Luís Ferro a arquitectura señorial de Tabeirós e Terra de Montes, o que os levou a presentar neste 2021 o volume Torres, pazos e casas fidalgas do concello da Estrada. O mes pasado presentou ademais o seu traballo Fidalguía e heráldica da Terra de Montes. Bértolo acadou o premio San Martiño no ámbito comarcal.
Na categoría Galicia Enteira o galardón foi para o colectivo poético Rompente, formado por Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manolo Romón, que nos 80 iniciou a moitos mozos na lectura de poesía en galego levando a lírica á rúa cun espírito contestatario e politicamente incorrecto. O colectivo acaba de volver aos escenarios 40 anos despois co espectáculo vangardista Algo que levar á boca. O espectáculo inclúe a meirande parte dos textos do seu último libro, Que hostia din os rumorosos? e chegará á Estrada o vindeiro xoves 18 de novembro (20.30 horas).