«In memoriam», unha homenaxe ós esquecidos

X. A. CARBALLO / LA VOZ

A ESTRADA

José Manuel Casal

O último libro de Pepe Carballude rende tributo ás persoas que perderon a vida pola defensa dos seus ideais tralo golpe de Estado de 1936

11 nov 2021 . Actualizado a las 16:59 h.

«O esquecemento é a morte máis cruel». Contra iso, unha novela. O último libro de Pepe Carballude (Rubín, A Estrada, 1956), In memoriam, é unha homenaxe ás persoas que perderon a vida pola defensa dos seus ideais tralo golpe de Estado de 1936. O exprofesor de Latín do instituto Alfredo Brañas de Carballo sorprende cun novo traballo despois de apuntar moi fino e contribuír a levantar unha boa poeira con A pintora libertaria, dedicado á artista Maruja Mallo.

A peza narrativa foi editada por Xerais dentro da colección Fóra de Xogo. Coma sempre, Carballude sementa unha historia chea de sensibilidade, amena e cargada de humanidade. Comeza coa chegada a unha cidade dun grupo de voluntarios da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica. Van actuar nun parque onde se cre que están os restos dun fusilado despois da Guerra Civil. Atoparán, nun primeiro momento, a oposición e a falta de comprensión, pero a medida que transcorren as páxinas e segundo a terra se vai movemento van xurdindo débedas aínda non satisfeitas, acontecementos descoñecidos, relacións que esmoreceran esquecidas, paixóns secuestradas e outras vivencias adormecidas polo devir do tempo e os duros anos da ditadura.

Coma na vida real, as liñas desta novela van debullando personaxes variados, ata nenos inmersos en liortas de adultos. Incluso en ocasións van mudando de apreciacións e, noutros, acaban manifestando todo o padecemento agochado durante anos e anos debaixo dunha coiraza que se derrete ante nos novos acontecementos e derraman todo o sufrimento acumulado.

A medida que un vai lendo as páxinas, a realidade faise presente, como a caracterizacións das persoas que van xurdindo liña a liña. E ata os desafíos son tan cribles aínda que tivesen outros escenarios similares como os que vai describindo Carballude. E coma sempre, neste casos, xorden dúbidas: «Coa razón non se come».

Coma nas outras obras de Pepe Carballude, a fantasía faise presente. O humor retranqueiro tamén suaviza situacións, algo no que o latinista da Estrada é un auténtico mestre. En fin, unha novela moi propicia para a xuventude na que fai xustiza e homenaxea a persoas que, de repente, volven á actualidade colectiva en forma de vítimas dunha inxustiza.