O agro galego perde a José Recimil

Alejandro Mínguez
Alejandro Mínguez OURENSE / LA VOZ

A ESTRADA

José Recimil Tábora
José Recimil Tábora PENOUCOS

Nacido en A Estrada e residente en Sarria, José Recimil traballou en Extensión Agraria e formou parte da primeira lexislatura da democracia

22 jun 2021 . Actualizado a las 13:54 h.

José Recimil Tábora, nado en Curantes, A Estrada (Pontevedra), en 1929 faleceu este sábado aos 91 anos deixando orfo o agro galego. Home próximo e polifacético, foi responsable de Zeltia en Ourense antes de aprobar a oposición para percorrer Galicia polas oficinas da entón Extensión Agraria de Ribadeo, Ordes, Carballo, Monterroso e Mondoñedo e rematar como xefe provincial de Lugo. Tamén foi durante un tempo xefe provincial de Extensión Agraria en Ourense. 

Gran conversador, nunca tiña présa por rematar un encontro. Militou na UCD e foi parlamentario na primeira lexislatura da democracia en substitución de Flora Veiga pola provincia de Lugo. Despois estivo en Coalición Galega, onde non tivo representación institucional, e rematou no PP, partido do que en 1995 foi parlamentario autonómico en substitución de Nazario Pin, igualmente pola provincia de Lugo. 

Mudouse a Sarria, de onde é a súa muller, e formou unha familia con tres fillos. Na localidade lucense foi presidente da asociación micolóxica «A Muiñeira», que sempre mantivo activa e a través da cal organizou xornadas e actividades durante moitos anos para achegar o mundo dos fungos ao gran público nunha Galicia micófoba. Era unha persoa moi sociable que desfrutaba percorrendo Galicia. Racimil foi divulgador das novas técnicas do medio rural e é recordado como un home innovador tanto na súa especialidade como nas súas motivacións durante a época convulsa do franquismo.

Deixa un fondo pesar entre seus compañeiros de Extensión Agraria nas catro provincias galegas, no colectivo de amantes da micoloxía de Galicia e na vila de Sarria, onde residía. O funeral terá lugar o luns nesta localidade lucense.