A Asociación Codeseda Viva creou un crebacabezas coa imaxe do santuario
11 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Codeseda é unha parroquia da Estrada moi activa, grazas en parte ás actividades promovidas pola Asociación Codeseda Viva. Un dos últimos proxectos que levaron a cabo foi o deseño dun puzzle de 1.000 pezas coa imaxe da igrexa da parroquia, concretamente pódese ver a súa parte posterior. Para inmortalizala contaron cun equipo de fotógrafos que se desprazou ata o lugar, do que fixeron unha ampla reportaxe. De todas as imaxes finalmente elixiron para o puzzle a vista do templo dende o lugar de Barro, que corresponde á primeira impresión que terían os peregrinos xacobeos ao entrar en A Sagrada.
Unha vez que a instantánea que se ía a usar estaba decidida, o seguinte paso era facer a proba de como quedaría dividida nun millar de minúsculas pezas. Para iso encargaron o traballo a través da Internet, e cando comprobaron a calidade do resultado dende a asociación decidiron por á disposición da parroquia a súa adquisición. Finalmente preto de 20 persoas animáronse a facer unha compra colectiva, polo que agora poden dispoñer nas súas casas deste quebracabezas cun custe moi alcanzable.
Con esta iniciativa promovida pola Asociación Codeseda Viva a igrexa da parroquia xa está á altura da mesmísima Catedral de Santiago de Compostela, polo menos no que respecta aos puzzles, xa que son os dous únicos motivos galegos que contan cun crebacabezas composto por 1.000 pezas ou máis.
Un dos obxectivos desta asociación estradense é a posta en valor e a promoción do patrimonio artístico e paisaxístico da parroquia e tamén a súa dinamización. Por ilo na procura da máxima difusión desta iniciativa poñen á disposición da xente a posibilidade, individual ou colectiva, da súa produción. Neste sentido fan unha invitación aberta tanto ás administracións coma a outros colectivos a utilizar este quebracabezas como agasallo institucional ou elemento de premio en certames e eventos, para o que se pode contactar con eles a través do enderezo www.codeseda.com. Esta páxina web destaca, entre outras cousas, polo seu arquivo fotográfico, e por iso dende a Asociación Codeseda Viva están a asesorar a diferentes Concellos que queren recompilar e catalogar fotos antigas da súa xente e do seu territorio.