O Estudiantil afronta a medio gas a ida da semifinal da Copa do Sar

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo A ESTRADA/LA VOZ.

A ESTRADA

O Estudiantil de Loimil pode gabarse de estar asinando unha campaña inédita na historia do club, e hoxe proponse dar un paso máis nesa liña exitosa que iniciou hai arredor de dez meses. O equipo que adestra Juan Rey afronta esta tarde (19 horas campo de Loimil) a ida da semifinal da Copa do Sar medíndose ao Dubra B, un vello coñecido dos estradenses, e ao que xa se mediron durante a tempada de Liga. O obxectivo dos de Loimil é dar continuidade ás dúas vitorias que lograron en partidos de Liga (2-3 en Dubra, e 3-1 en Loimil), e encamiñar a súa presenza na final do torneo do Sar; sen embargo, a eliminatoria preséntase como unha carreira de obstáculos na que as primeiras trabas parten xa da propia plantilla do Estudiantil.

Ángel e Chenel que cumpren partido de sanción, Ramón como baixar por lesión, e Xurxo ausente por motivos persoais, son as baixas coas que o Estudiantil se presentará ante os seus seareiros. As notables ausencias dos estradenses supoñen unha contrariedade maiúscula para o equipo, que chega moi xusto ao choque. «En principio contaremos con 12 xogadores», sinalaba Juan Rey.

A limitación de efectivos para medirse ao Dubra B supón un duro revés para o equipo de Loimil, pero as ideas están claras na mente de Rey: «a eliminatoria é a dobre partido». Os de A Estrada tentarán poñer sobre o campo todos os argumentos posibles para sacar algo positivo do encontro desta tarde, pero sendo plenamente conscientes de que ao final dos 90 minutos aínda agardan outros 90, e polo tanto, o peixe non quedará vendido ata a vindeira semana, para cando Rey agarda recuperar a toda a plantilla.

A veteranía como tese

O encontro ante o Dubra B porá de novo a proba o carácter do Estudiantil. Logo de aparcar en cuartos ao Lamela nunha eliminatoria dura e complicada, os de A Estrada apostarán por dar continuidade ao seu xogo para acadar un bo resultado fonte ao filial do Dubra. A veteranía e experiencia que acumulan os xogadores de Rey perfílanse como o maior valor dos de A Estrada, que confían en que esa madurez marque a diferenza.

O rival que se agarda en Loimil é un equipo novo, moi dinámico e loitador, que na segunda volta da Liga fixo un gran papel, ao igual que o que está a asinar na rolda copeira. O adestrador estradense manifestou o seu absoluto respecto polo rival, e lembrou o seu carácter competitivo, e que non se amilana. «A min gustoume moito na segunda volta da Liga; é un equipo dinámico, veloz e que incorporou xuvenís», «non nolo vai poñer nada sinxelo», resume Juan Rey.

Sen desculpas

O técnico do Estudiantil non alberga dúbida algunha respecto da seriedade coa que a súa plantilla afrontará o importante choque desta tarde. «Todos somos conscientes de que sería unha gran pena chegar ata semifinais e non dar o paso definitivo; a Copa do Sar é un torneo importante, no que compiten 64 equipos, e nós somos un dos catro que chegou ata aquí», reseñou.

A pesar de que o Estudiantil chega mermado de efectivos á semifinal copeira, Rey confía en que esa consciencia do que está en xogo dea un último empurrón á plantilla: «estar tan xustos de xente non nos pode servir de desculpa». O mesmo ocorre co factor campo; «está claro que o noso campo a eles non os vai beneficiar, pero a nós tampouco, sempre nos custa moito xogar nel; creo que nos será máis favorable o seu campo», engade Juan Rey.

Con xullo á volta da esquina, e logo de soportar unha Liga longa e dura baixo a única e ineludible premisa do ascenso, no banquillo do Estudiantil consideran que a competición xa pasa factura á plantilla, que precisa desconectar. Aínda así, «unha vez que chegas aquí, ninguén quere queda fóra».