Os 25 baloncestistas da Escola Municipal da Estrada continúan adestrando para chegar a converterse en estrelas da cancha
25 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.A canastra non é só para os maiores. Isto é alomenos o que pensan os benxamíns e alevíns estradenses que adestran na Escola Municipal de baloncesto. Dende hai oito anos os máis novos de Tabeirós teñen a posibilidade de practicar o deporte dos máis altos e coñecer todos os seus segredos. David Carballo, Bilba, é dende hai cinco anos o responsable de poñer en marcha os reflexos e habilidades dos nenos preparándoos para ser os futuros Jordan. Son 25 os estradenses que compoñen as filas da Escola Municipal de Baloncesto, e son só dúas as rapazas que se animan a practicar este deporte onde a coordinación e o control do balón son os obxectivos básicos a traballar cos cativos. «O que pretendemos é exercitar a coordinación, as capacidades motrices e a lateralidade, xa que son aspectos básicos do baloncesto», comenta Bilba. É precisamente a lateralidade, o control indistinto do balón coas dúas mans, un dos maiores tropezos que atopan os rapaces «excepto un dos alumnos, todos son destros, e para eles controlar o balón coa man esquerda é dificilísimo». Sen embargo, os rapaces de Bilba presumen da súa ordenación na cancha e da orientación e control de espacios que os caracteriza. Algo fundamental para a promoción do baloncesto é a competición, na Estrada sábeno, e por iso este ano a Escola Municipal contou cun equipo participando na Liga Alevín. Aínda que remataron oitavos na clasificación, a progresión dos pequenos estradenses foi espectacular.