Á MARXE / Carlos Casares
02 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Un amigo preguntoume onte por qué utilicei a palabra «atracador» para referirme ós maquis que proseguiron a guerra de guerrillas despois de que rematase a guerra civil. A resposta é moi sinxela: era así como lles chamaba todo o mundo. Nunca coñecín a ninguén que empregase outro vocábulo, a non ser o de «fuxidos» ou «os do monte». Para o común da xente, aqueles homes facían atracos. Eu teño algún amigo que andivo metido neso e que aínda hoxe, moitas persoas o nomean co citado calificativo. Por certo que, nos anos da miña infancia, os atracadores estiveron refuxiados na casa do Epifanio de Sabucedo, onde eu xogaba co seu neto sen sospeitar que debaixo da cociña, nunha especie de buraco construído como escondite, vivían eles. Un día chegou a Garda Civil, rodeou a aldea e prendeulle lume á vivenda. Moito tempo despois, un dos mozotes que se atopaban acochados naquel sitio, contoume a historia desde outro lado, é dicir, desde a banda dos queimados. Por fortuna non morreu ninguén. E algúns aínda viven, tranquilos e en paz.