O ciclo de concertos Orballo Cultural terá unha parada na Estrada o sábado 31 de maio coas actuacións de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e Su Garrido Pombo. Ambos actuarán na Praza do Concello a partires das 20.00 horas nun evento con entrada gratuíta.
Deste xeito, A Estrada súmase á nómina de concellos do programa, como Tomiño, O Porriño, Ribadavia, Muxía, Noia, Ferrol e Sanxenxo. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou este ciclo cultural que forma parte dos Concertos do Xacobeo. No acto tamén participou o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao.
Na presentación, Merelles destacou a posta en valor da cultura galega a través dun encontro «deseñado para conectar aos asistentes coas tradicións galegas a través da música en directo, a gastronomía autóctona e a artesanía local, filosofía que se engloba á perfección na liña de actuación dos Concertos do Xacobeo».