Programan para o 18 unha Ruta das Letras cun libro de agasallo para cada camiñante
DEZA
A asociación A Fervenza de Ouzande celebrará o domingo 18 de maio unha nova edición da Ruta das Letras, unha actividade que estreou no ano 2006 para conxugar exercicio e cultura. Nesta ocasión, os participantes farán a Ruta das Lagoas, cun percorrido de doce quilómetros de dificultade baixa. A actividade é gratuíta e aberta a todas persoas que o desexen, socias ou non.
A saída será ás 9.30 horas da igrexa de Ouzande e o regreso sobre as 13.30 horas ao mesmo lugar. Ao final do roteiro todas as persoas participantes serán agasalladas cun libro en galego en conmemoración do Día das Letras Galegas.
Desde a organización recomendan levar roupa cómoda, tendo en conta a predición meteorolóxica. A actividade só se suspenderá en caso de que as condicións climatolóxicas impidan completamente o desenvolvemento da mesma.
No roteiro, que conta coa colaboración do Concello da Estrada, visitaranse as lagoas de Zoo, o encoro da Estrada, varios bosques e a aba sur do Monte Pedroso, ocupada pola cooperativa Monte Cabalar, onde se poden contemplar rabaños de cabras e mandas de cabalos e vacas en liberdade.