Torres orou polo papa Francisco, e pediulle protección polos «lalinenses que máis o precisan»

La Voz LALÍN /LA VOZ

DEZA

26 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Emocionado dixo sentirse o párroco lalinense Marcos Torres despois de rezar diante do cadaleito do papa Francisco en Roma, a onde se trasladou nunha viaxe de curta duración, «xa que esta fin de semana hai que atender as misas nas nosas parroquias e non é posible asistir ao enterro deste sábado», comentou dende a Cidade Aberta na que as medidas de seguridade se estaban extremando e os miles de fieis chegados dende todo o mundo dificultaban os desprazamentos pola mesma.

O cura, que mantén aínda viva a súa conserva co santo pai, producida anos atrás e grazas ao Bispo Carballo co que voltou a coincidir nesta ocasión no Vaticano, «diante do seu cadaleito prometinlle seguir rezando por el, pedinlle que o fixese tamén por min e soliciteille a súa protección para todos os lalinenses, especialmente para aqueles que máis o precisan como son as persoas que viven soas, os maiores, os enfermos e os que non teñen traballo», comentou. Todo elo despois de agardar máis de media hora na cola para acceder á basílica de San Pedro onde descansan os restos do papa Francisco.