«A morte é un tema tabú, pero é o único seguro na vida»

Amelia Ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Martina Miser

Falouse do Testamento Vital, no Círculo de Recreo de Lalín

14 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Co gallo de dar a coñecer o Testamento Vital, no Círculo de Recreo de Lalín celebrouse na noite de onte, unha charla impartida pola presidenta da Asociación Dereito a Morrer Dignamente, Isabel Blanco, e Antón Ocampo membro do colectivo. Un encontro que serviu para despexar dúbidas sobre un testamento que «recolle os coidados sanitarios que quere recibir cada persoa que o asine ao final da súa vida, sobre todo ver as condicións nas que non se desexa seguir vivindo e non se quere recibir ningún coidado máis para aliviar os síntomas da enfermidade», explicou Isabel Blanco. Un documento, que pode asinar calquera persoa maior de idade e capacitada, que contempla tamén a posibilidade de facer unha doazón de órganos despois do falecemento. «Falamos dun documento que se fai libremente, que cada persoa ten que facer o seu, e sobre o que hai que meditar e reflexionar para deixar plasmado o xeito no que queremos morrer, e é de obrigado cumprimento por parte do persoal sanitario», segundo apuntou a presidenta da Asociación Dereito a Morrer Dignamente.

Un foro de encontro no que se abordou o que segue sendo un tema tabú: a morte, «e é o único seguro que temos na vida, que todos imos morrer, pero non se fala deste tema polo silencio que pesa sobre a morte e nós consideramos importante decidir sobre ese final e que non haxa escarnio terapéutico, é dicir que se manteñan tratamentos que non son útiles», dixo Blanco.

A asociación, con 40 anos de traxectoria, está dedicada a divulgar os dereitos sanitarios e á promoción do Testamento Vital, e apela á que se informe nos centros de saúde sobre esta cuestión ademais de contar con máis puntos de rexistro en Galicia nos que realizar ditos testamentos. «O testamento pode facerse ante notario ou ante tres testemuñas, pero nós recomendamos facelo diante dun funcionario público habilitado que os hai nos hospitais e nalgún centro de saúde». O traballo de divulgación que leva a cabo a asociación vai colleitando paseniñamente éxitos, segundo avanzou a presidenta, malia que resta camiño para acadar resultados doutras comunidades. «Imos moi pouquiño a pouco. Galicia é a quinta comunidade pola cola en testamento vitais. Cada 1.000 galegos só 7 téñeno, e en Navarra, por exemplo, son unhas 24 persoas por mil as que o teñen asinado».