A emisora municipal Radio Estrada celebrou este sábado o seu trinta aniversario cun programa especial de catro horas de duración que foi emitido en directo desde o teatro Principal. A celebración reuniu a voces históricas da emisora, veciños, autoridades locais e artistas. O programa —que grazas a EMUGA-Radiodifusión se escoitou en todas as emisoras municipais galegas— foi presentado polos locutores Pepe Rodríguez, Isa Durán, Fran Campos e Pablo García, coa coordinación técnica de Pablo García e Valentín Torrado.
Ao longo da mañá sucedéronse distintas mesas de conversas. Pepe Rodríguez, José Manuel Marque e Perfecto Sangiao compartiron as súas vivencias á fronte da emisora ao longo dos anos.
José Antonio Dono, ex alcalde da Estrada, lembrou o programa no que atendía as chamadas dos veciños e o actual alcalde, Gonzalo Louzao, e a concelleira de Cultura, Lucía Seoane, falaron sobre a súa relación coa radio e a súa evolución desde 1995.
José López Campos, actual conselleiro de Cultura, interviu telefonicamente para contar a súa experiencia como locutor deportivo e alcalde. Pola súa banda, Valentín García, José Manuel Reboredo e Manuel Arca relataron os primeiros pasos da emisora e como se xestou a súa creación. Fernando Campos explicou o proceso de creación das sintonías da emisora. Para rematar, Damián Cortés, Mónica García, Mónica Pazos, Ana Cabaleiro, Carmen María e Dores Sánchez (vía telefónica) protagonizaron un emotivo reencontro das «vellas glorias» da radio.
O programa tamén contou cun espazo de humor con Gerundina e o dúo cómico As Lerchas, que naceron nesta emisora de radio.
A parte musical estivo a cargo do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso, con Rubén Servide, que dirixiu unha actuación en directo que lle puxo o broche de ouro á celebración.
Dende a emisora municipal agradeceron a calor do público que se achegou ao teatro para seguir en directo o programa especial, o apoio dos patrocinadores e entidades colaboradoras e o respaldo de todos os oíntes de Radio Estrada que durante estas tres décadas estiveron ao outro lado das ondas.