No Museo Liste, de Vigo, pode verse un traxe e unha máscara desta particular imaxe
01 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Despois de vinte e cinco anos residindo na Cacharela Alicia Fernández Sánchez xa é unha veciña máis deste barrio lalinense, ben coñecido polas súas multitudinarias celebración do Entroido e do San Xoán. Mañá a Asociación de Veciños da Cacharela, cuxa vicepresidencia ostenta Alicia, encara a décimo sexta edición dun Entroido marcado pola colaboración da veciñanza para que todo saia o mellor posible.
—A asociación é anterior ou posterior á recuperación que fixeron do Entroido no barrio?
—A asociación de veciños naceu un par de anos despois do Entroido, do que se cumpren 16 anos de celebracións. Unha vez pasadas as primeiras edicións pensamos que era convinte contar cunha asociación que marcase as directrices de funcionamento. A primeira presidenta da asociación foi Sofía Taboada, tristemente xa falecida, despois a presidencia recaeu en Antonio García e na actualidade é Carmen Pallares. A idea é que os presidentes sexan do barrio, por aquilo dun maior apego á zona, xente representativa desta parte alta do pobo.
—Cantos participaron naquel momento fundacional da primeira edición entroideira?
—Poucos. Un grupiño reunido un domingo de Entroido que nos xuntamos, e comezamos a prantexar a posibilidade de facer algo no barrio. Lémbrome que o primeiro ano foi unha auténtica tolemia. Chovía, os traxes eran uns sacos e parecíamos máis a Santa Compaña que outra cousa! (ri). A pesar de todo pensamos que podía funcionar, e decidimos seguir coa idea de facelo.
—Aí é cando entra en escena a figura do Cacharelo. Como naceu?
—Foi grazas a KG (Alberto Granja), da Asociación O Naranxo, e a Luchi Iglesias, que crearon unha máscara sacada da obra de Laxeiro O Mascarón, que pintou o artista lalinense no ano 1934, mentres que o traxe é de cores vermellas e amarelas moi vivas en alusión ao lume, ás cacharelas, como o nome do noso barrio. Así naceu a figura do Cacharelo.
—Un dos traballos que tiveron e teñen entre mans é dar a coñecer precisamente dita figura.
—Así é. Desde anos atrás, uns días antes do Entroido, un grupo de membros da asociación vai aos colexios do municipio para ensinarlles aos rapaces a máscara e o traxe do Cacharelo. Onte mesmo estiveron no colexio de Vilatuxe, con gran acollida por parte dos rapaces aínda que, coma sempre, a primeira impresión sempre choca un chisco pero despois xa se familiarizan coa máscara e van preguntando. O certo é que nos enche de orgullo que se coñeza o Cacharelo, a nosa figura do Entroido, entre a cativada e por parte do público en xeral. De feito actualmente está aberta unha mostra sobre o Entroido no Museo Liste e alí están expostas unha máscara e un traxe de Cacharelo. É unha maneira de traspasar límites locais, e que nos coñezan en Galicia. Tamén a nivel local, na tenda de artesanía Mombai, está exposto nun dos seus escaparates un dos nosos traxes. Estamos sempre abertos a participar naqueles eventos que redunden en beneficio da nosa figura e do noso barrio.
—Cantos adultos e cativos saen vestidos de Cacharelos?
—Na actualidade contamos con 18 en total, dos que seis son cativos e o resto adultos.
—Calquera persoa pode levar a máscara e o traxe característico do barrio?
—O certo é que nos estatutos da asociación de veciños especifícase que ser Cacharelo está acoutado a persoas do barrio; é dicir, nenos e nenas ou adultos. Para levar o traxe é necesario ter raíces no barrio, por nacemento por exemplo, ou a aquelas persoas que vivan no mesmo. Digamos que unha persoa de fóra non podería ser Cacharelo.
«A poxa da prenda interior de Celso Fernández suscita moita expectación todos os anos»
A previsión de tempo seco e solleiro para este domingo dá moito alento aos organizadores do Entroido da Cacharela que lembran edicións pasadas por auga, e mesmo algún vendaval que obrigou a amarrar con esmero a carpa para que aguantara os envites do vento, «pero a pesar de todo sempre tiramos cara adiante», lembra Alicia Fernández. Todo elo cun programa pechado para esta 16 edición dominical que arrancará moi cedo, sobre as nove da mañá, en que xa se pechará ao tráfico a Avenida Bos Aires para instalar toda a infraestrutura da festa, e permitirlle aos máis miúdos xogar na rúa.
A actividade de Entroido propiamente dita comezará ás 17 horas con Pachi Show, unha actuación musical tradicional no barrio lalinense, ao igual que os xogos populares de Luchi. Será ao fío das seis da tarde, «dependendo da afluencia de público», cando fagan acto de presenza as figuras dos Cacharelos portando os recén cortados toxos, seguidos dos Papamoscas e do Boi, nunha festa na que non se leva a cabo ningún tipo de concursos de disfraces. O que non faltará un ano máis no evento será a poxa que protagonizará o narrador Celso Fernández Sanmartín, veciño do barrio, «que todos os anos poxa un tanga seu e iso levanta moita expectación todos os anos», comenta Alicia sorrindo.
A Asociación de Veciños da Cacharela, que conta cun cento de asociados, manterá a celebración do San Xoán que «todos os anos desborda previsións», e algunhas actividades pensadas só para os socios como é o magosto, a festa do socio e unha excursión anual a algún sitio de interese. E agradecemento sincero da vicepresidenta do colectivo «a todos os veciños do barrio, e xente do pobo que sempre están con nós axudando en todo para que a Cacharela continúe viva».