Unha noite na catedral do folclore

Rocío García Martínez
Rocío García A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Fátima Seijo - fasem

O festival As Nosas Músicas reafirmou a Couso como meca da música tradicional, esgotou as provisións de comida e regalou troula ata a mañá

16 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O festival As Nosas Músicas (ANM) volveu converter Couso (A Estrada) en catedral da música tradicional cunha nova edición na que a troula foi a protagonista ata ven entrada a mañá.

Algúns dos festeiros xa viñan con adestramento porque no campo da festa de Couso —coidadosamente ambientado para a cita— a actividade xa comezara o mércores. Ese día houbo talleres de xogos tradicionais, charangas, títeres e unha ruada popular coa participación de Benofan (Calo, Teo), as pandereteiras de A Ponte Vella (Reis, Teo), as pandereteiras Rosalía de Castro (Cacheiras) e os grupos Pinguela de Bama e Silvaredonda (Rianxo).

Pero a Couso aínda lle quedaron folgos para dalo todo na xornada do mércores, a máis multitudinaria do festival. O día arrancou con charlas sobre as formación musicais na comarca da Ulla e sesión vermú con A Requinta de Lampai que deron paso pola tarde á animación de Art Monium e ao taller de iniciación ao baile impartido por Nuria Gesteira. O obradoiro tiña todo o xeito do mundo, porque en Couso a festa non é de quedar mirando. É máis ben de bailar e tocar en comunidade ata que o corpo aguante.

Art Monium volveu impresionar coa súa animación a pé de campo, mentres que catro dos grandes do folclore tradicional se encargaron de poñer a bailar ao público, que foi moito e moi entregado. Os d’Abaixo, Comando Curuxás, Ailá e Pansefrón foron os culpables de deixar sen folgos aos centos de festeiros que se achegaron ata Couso para desfrutar do folclore.

No transcurso da verbena houbo varios momentos emotivos. Un deles foi a entrega do premio As Nosas Músicas 2024, a título póstumo, a Dorothé Schubarth. A musicóloga percorreu Galicia nos anos setenta e oitenta do século pasado recompilando o folclore galego. Coa colaboración de Antón Santamarina elaborou o Cancioneiro Popular Galego, unha xoia que preserva para a posteridade unha tradición popular que estaba a piques de esmorecer. O premio foi entregado por Xurxo Souto, buguina en man, facendo soar a chamada da tradición galega. Recolleuno Concha Losada, presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego, onde Dorothé Schubarth deixou en depósito as súas gravacións e anotacións sen publicar. O premio quedará custodiado no Museo do Pobo Galego, que está a preparar unha exposición permanente sobre a musicóloga.

Outra das sorpresas da noite foi a celebración dun mini atranque de Xenerais ,nun man a man das dúas citas máis populares de Couso: o festival As Nosas Músicas e o Entroido do Ulla.

A organización fai un balance moi positivo desta última edición do festival pola que se calcula que pasaron máis de tres mil persoas. Moitas quedaron a acampar e estiraron a festa ata o vermú do sábado e moitas outras fixeron uso do servizo de bus para volver ás súas casas de madrugada.

«A festa cada ano vai a máis. A resposta desta vez foi masiva. Na zona gastronómica quedamos sen provisións á unha da mañá», explica Álex Brey. Máis de noventa persoas traballaron cóbado a cóbado para facer posible un evento organizado polo colectivo A Xesteira, un grupo de xente inqueda que non para de argallar actividades que poñen á súa parroquia no mapa da troula, da música, da cultura e do compromiso coa terra.