Hai unhas semanas vimos como un partido político fixo uso dunha das ferramentas que ten a democracia, como unha moción de censura, cuns fins cando menos pouco claros no ámbito do interese xeral da sociedade.
Pois agora nos toca aos silledenses. Porque outras das ferramentas que a democracia outorga aos partidos políticos no ámbito municipal é a posibilidade de poder celebrar plenos extraordinarios para tratar aqueles temas que pola súa urxencia non deban esperar a unha sesión ordinaria (que no Concello de Silleda se realiza cada dous meses).
Esta boa ferramenta pública é, como a moción de censura, para usos de carácter extraordinario e excepcional. E vemos con estupor como unha persoa a está utilizando en beneficio propio, quizais para saciar as súas ansias de poder.
O pasado xoves día 30 celebrouse un pleno ordinario no Concello de Silleda, pleno que pon a disposición da oposición instrumentos tan eficaces para o debate e control do goberno como son as mocións —nas que ademais de debater o tema proposto se vota e se toman resolucións—, ou as preguntas onde calquer concelleiro ou concelleira pode plantexar o que crea convinte ao executivo municipal.
En lugar diso, asistimos incrédulos, —primeiro vendo como pasa o turno de presentar mocións onde só se presentaron dúas (debatidas e aprobadas por unanimidade) e despois, ao día seguinte, como o voceiro do Partido Popular solicita un pleno extraordinario para debater sobre fondos europeos e reprobar ao alcalde. Por segunda vez en menos de un ano, solicita dita reprobación. A primeira, por construír un paso elevado redutor de velocidade no entorno do CEIP de Silleda para dar máis seguridade aos nosos nenos e nenas. Agora, por ser o Concello da provincia de Pontevedra, da nosa categoría, que máis fondos europeos capta.
Un pleno extraordinario que ten un custe certamente importante para os veciños e veciñas de Silleda (os concelleiros do goberno renunciarán a cobrar a asignación que lles corresponde). E que se pide en apenas 24 horas despois doutro pleno ordinario e a pouco máis dun mes para que os veciños e veciñas aproben ou reproben a quen crean convinte. Esta é sen dúbida unha clara distorsión das institucións, que deberían estar a disposición da sociedade e non dos intereses dun partido e os beneficios persoais.