Despois de case 31 anos de traballo na administración local, María Méijome recibiu unha calurosa despedida pola súa xubilación en Silleda
11 may 2021 . Actualizado a las 21:39 h.María Méijome Vázquez (Bermés, Lalín) era unha das caras máis coñecidas de Servizos Sociais do Concello de Silleda. E é que case 31 anos de traballo no mesmo departamento dan para iso e máis.
-Máis de trinta anos en Servizos Sociais, unha pata importante de calquera concello?
-Sen dúbida. Servizos Sociais é un piar fundamental dun concello pero non se valora suficientemente o traballo que se realiza nestes departamentos. Tendemos a esquecer que se atenden persoas, dende nenos ata vellos.
-Cales son os motivos desa escasa valoración?
-Creo que non se coñece o que facemos, e os políticos tampouco nos preguntan moito. Chega cada un cunha novidade diferente... Moitos cambios en departamentos sensibles como son os Servizos Sociais penso que non son bos.
-En máis de tres décadas cambios aínda viviu algúns.
-Moitos (risas). Cambiou todo moitísimo. Cando entrei na administración local, que foi en outubro de 1990 sendo alcalde o xa tristemente finado Juan José Salgueiro, tiñamos unha máquina de escribir para as tres que estabamos no departamento, papel e boli cando os había... O momento máis impactante, e no que me custou máis adaptarme, foi coa chegada das novas tecnoloxías. Non tiñamos nin idea de informática pero o certo é que o traballo faise agora moito máis rápido, non te atopas con problemas de comprensión da letra dalgún compañeiro... Veu para mellorar aínda que supuxo cambiar e adaptarse. O mesmo sucedeu co galego normativizado cando o que coñecías era a lingua materna; a que vés falando dende a nenez.
-A chegada de inmigrantes ao pobo, que conta na actualidade cuns 800, tamén suporía unha variación.
-Esa chegada masiva de inmigrantes a Silleda puido producirse fai uns dezaoito anos aproximadamente, e certamente conlevou á apertura de programas específicos para eles.
-Marcha contenta dos anos de profesión activa?
-Foron anos moi satisfactorios. Traballei na atención ao público, estiven coas actividades dos maiores, fun con eles ás excursións... Gardo moi boas lembranzas de todos estes anos.
-Algún proxecto agora?
-Sempre fun de ler e quero centrarme agora na medicina natural. Encantaríame tamén iniciarme no mundo da enfermería e dar masaxes. Un non parar!.