A saúde mental en tempos de crise

Victoria Canosa CORONAVIRUS

DEZA

24 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Victoria Canosa é psicóloga.

ai nove días dende a declaración do estado de alerta. Unha situación nova que require da adaptación de toda a sociedade en tempo récord.

A pesar do acontecido na China e en Italia, as persoas temos esa percepción de invulnerabilidade da que nos costa desprendernos. Entre tanto fluxo de información, escollemos aquela que máis nos convén e decidimos que isto do coronavirus non vai connosco. Pónsenos costa arriba manter unhas medidas restritivas cando nos sentimos sans, sen síntomas.

En parte por iso, o primeiro día do decreto aínda parte da cidadanía non tivemos conciencia plena do que isto supoña para todos. Para todos sen excepcións. Non nos decatamos de que calquera persoa somos potenciais portadoras do virus aínda que esteamos sans.

Pero o estado de alarma imponse e empeza a calar a necesidade de seguir as instrucións. Por nós mesmos e por todos os demais.

O feito de estar confinados nas nosas casas supón un menoscabo para a nosa saúde mental: porque somos seres sociais, e o confinamento limita esta faceta da nosa natureza; porque estamos acostumados a vivir en espazos abertos, nas rúas, ao aire libre; porque canalizamos as emocións a través das relacións sociais e mediante as actividades que facemos, moitas ao aire libre e en grupo.

Porque estamos acostumados a marcarnos uns prazos para todo, e as incertezas créannos gran desacougo; porque ante a enfermidade dun ser querido, queremos acompañalo e asistilo na súa fraxilidade, e négasenos esta opción.

Logo, esta crise fainos realmente máis vulnerables psicoloxicamente. A crise do coronavirus obriga a reestruturarnos dende dentro. A todos. Requiriremos máis esforzo ou menos, dependendo dos recursos persoais que cada quen teña desenvolvido ao longo da vida.

Entre as persoas que teñen que facer un esforzo maior están aquelas con algunha dificultade engadida, como as que sofren trastornos de saúde, mental ou física. Nenos e adultos. Dende aquí, vaia o meu recoñecemento a todas elas pola súa contribución ao ben colectivo, cumprindo coas medidas de coidados, axudados por familiares, compañeiros ou titores.

As administracións falan de que este confinamento prolongarase no tempo, máis do que quixéramos. Entón, interesa marcar un plan de acción que minimice os riscos para a nosa saúde mental: organicemos a nova rutina: Descanso, comidas, tarefas domésticas, exercicio físico, lecer, traballo/estudo, son actividades importantes que requiren uns horarios estables. Tamén o tempo con nós mesmos. Relacionémonos. Tócanos vivir esta crise cando temos moitas posibilidades de conectarnos na distancia: teléfono, WhatsApp, Skype, Aproveitémolo, porque o apoio social é protector de saúde. E nós podemos ser o apoio para outra xente. Practiquemos a boa hixiene mental persoal. A nivel físico: aprender, ou retomar, os exercicios de relaxación que máis nos gusten. Como técnica de autocontrol emocional, axudará á nosa xestión interna. A nivel de pensamento: Redirixe a túa atención a cada actividade que esteas a facer, ás noticias amables que xorden, ou a pensar en cal é o teu mellor momento cada día. Evitemos centrarnos só na crise, e non demos pulo aos bulos ou noticias alarmistas. Practiquemos as relacións respectuosas. Todos estamos no mesmo barco, así que imos remar cara ao mesmo lado. Fuxamos de discusións estériles e centrémonos no que nos une, e non nos nosos descordos. Sexamos amables tamén con nós mesmos. O humor, a música e a creatividade son bos aliados sempre. Botemos man deles.

Cada día é un reto a superar. Aproveitemos a nosa capacidade de aprendizaxe e saquemos o mellor de nós. Porque todos somos importantes, e cada achega persoal conta para rematar coa crise.