O cantautor Manoele de Felisa lanza un libro-cedé onde musica os catorce poemas «máis sentidos» de Neira Vilas
24 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.«Cando eu levaba once anos emigrado en Buenos Aires publiquei o poemario Dende Lonxe, que contiña evocacións da infancia, da miña xente, do mundo pequeno e entrañable que deixara nesta banda do mar. Corenta e catro anos despois, en 2004, tras retornar ó eido natal dei a coñecer Dende Gres, é dicir, dende o retrinco no que nacín», explica Xosé Neira Vilas. Nel plasmou un «sentimento saudoso», o reencontro cuns recordos de infancia «moi íntimos»: a súa nai, os avós maternos, o camposanto, a pequena escola, o río, a ponte medieval,... «Un ramallete de lembranzas que abrollan na memoria» e que ás que o cantautor cuntiense Manoele de Felisa lles puxo agora música en Cantos de lembranza.
Trátase dun libro-cedé composto por catorce dos poemas feitos polo escritor e académico dende Gres (Vila de Cruces), «os máis sentidos» asegura, a pesar de que foron elixidos polo propio músico. No traballo colaboraron, ademais do mesmo Neira Vilas, unha vintena de artistas aportando as súas voces e instrumentos, entre os que se inclúen Luis Emilio Batallán, Uxía Blanco ou Uxía Senlle e mesmo a tenro voz infantil de Abraham Leiro, que fala en nome daquel neno labrego. A eles súmanse unha escolma de ilustradores, un texto de Víctor F. Freixanes e mesmo algunhas fotografías que sacou o escritor do seu propio álbum familiar e que ata agora non viran a luz.
Concerto-homenaxe
As composicións non tardarán moito en facelo. O próximo mércores, día 28, terá lugar un concerto-homenaxe a Neira Vilas no Salón Teatro de Santiago onde Manoele de Felisa e varios dos artistas mencionados presentarán Cantos de lembranza.