A formación, que celebrará hoxe a Festa do Socio, rematou a gravación dun traballo que presentará nun concerto
14 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.A Banda de Música de Muimenta (Lalín), unha das máis antigas da comunidade galega ao haberse fundado no ano 1875 por parte do veciño José Vilariño García, tributaralle hoxe aos asociados unha festa que se ven mantendo dende o ano 1986. Unha tradicional Festa do Socio que arrancará á unha do mediodía no Balneario de Ponte Vilariño, en Agolada.
-É unha festa de carácter eminentemente popular que comezará coa entrada da banda ao recinto interpretando unha marcha. Posteriormente daremos un pequeno concerto para todo o público que asista, haberá misa e ao rematar os actos relixiosos e antes de comer ofreceremos outro pequeniño concerto.
-Malia a situación difícil que se vive non podían borrar do calendario a Festa do Socio...
-É certo que a situación para nós é difícil, ao igual que para as outras bandas, e que as actuacións baixaron un pouco respecto doutros anos pero esta festa na que se reúnen unhas trescentas persoas hai que mantela e así o decidiu a directiva da Sociedade Musical de Muimenta.
-Teñen novo cedé, ¿para cando a súa presentación oficial?
-Queriamos que puidese ser neste festa pero non foi posible por cuestións técnicas. Previsiblemente estará listo para o mes próximo, e a intención é organizar un concerto-presentación deste novo traballo. Era momento de presentar algo novo xa que levabamos tempo sen sacar un traballo discográfico.
-¿Falamos do cuarto traballo da banda?
-Así é. Trátase do cuarto. Dende o ano 2003 non se sacou nada. A tirada deste novo cedé é dun millar de exemplares e aproveitarase o concerto-presentación para vender algúns. De momento aínda non temos unha data fixada para elo.
-«Las 11 en punto». Así se chama, ¿a que obedece este título?
-Neste cedé hai doce pasodobles e unha marcha, a das «11 en punto» que sempre se tocou moito aquí en Muimenta. É unha obra do ex director da banda, o finado Secundino Pedreira Prado, polo que quere ser unha homenaxe a este compositor e tamén para destacar unha peza que se toca en moi poucos sitios, penso que se interpretou algunha vez en A Estrada, pero non sei de máis sitios onde se tocase.
-¿Moitas saídas á vista?
-A máis inmediata será este mércores en Melide, nas festas do Carme.
alberto iglesias director da banda de muimenta