«As reservas de alimentos están case esgotadas»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

O colectivo atende a 183 familias do municipio con necesidades facéndolles entrega de produtos alimenticios

23 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A Asociación de Voluntarios O Mencer de Lalín ten ás costas un ano de intenso traballo. Doce meses que se resumen en tentar cubrir as necesidades de moitas familias residentes no municipio.

-Estamos contentos pero non satisfeitos. Queda moito por facer pero tamén é certo que non esperabamos facer o que fixemos nun ano e distribuir todo o que distribuimos, tanto alimentos coma importantes partidas de froita.

-¿A cantas familias están atendendo na actualidade?

-Son 140 familias que están na listaxe de Servizos Sociais e logo outras 43 que pertencen ao cómputo propio da nosa asociación. En total son 183 familias o que supón unha atención a 543 persoas.

-¿Percibiron un incremento na demanda nos últimos meses?

-Levamos un ano coa asociación e non é moito tempo para facer unha avalición pero o que está claro é que estabamos atendendo a 32 familias e agora contamos con 43. En Servizos Sociais o número baixou un chisco. Penso que se debe a que houbo unha saída de familias xerada polo peche de empresas que conlevou a volta de bastantes persoas aos seus países de orixe pola crise que estamos atravesando.

-Atenden a preto de 190 familias que viven en Lalín, ¿a maioría son españolas ou de fóra?

-Podemos contar cun 50 % de familias españolas e a outra metade son persoas procedentes do norte de África, América do Sur e Centroeuropa.

-¿Como están as reservas no almacén de O Mencer?

-Non moi ben. Facemos reparto semanal de alimentos e agora mesmo as reservas están case esgotadas. Precisamos de todo tipo de produtos non perecedoiros como é aceite, conservas, legumes, leite... Eroski nos fai entrega de produtos lácteos e hai xente que nos trae algún excedente ao local que temos na rúa Manuel Rivero, pero aceptamos verduras, patacas... todo o que nos queiran traer será benvido e irá a parar a estas familias que o precisan. Estamos en mínimos e precisamos da colaboración de todos.

-¿Cales son os vindeiros proxectos?

-Continuar co reparto semanal de alimentos, comezar coa campaña de entrega de froita en xullo, contar con máis voluntarios no seo do colectivo e ter un vehículo para poder ir a buscar alimentos a Vigo e Vilagarcía.

antonio riera vicepresidente da asociación o mencer