Postais únicas, de Aspadeza

Amelia Ferreiroa LALÍN/LA VOZ.

DEZA

O colectivo, que recibirá mañán unha nova furgoneta, porá tamén á venda tarxetas e artigos elaborados polos usuarios

01 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Asociación de Pais de Disminuidos Psíquicos de Deza, Aspadeza, recibirá mañán un novo vehículo para o transporte de usuarios cedido pola Xunta. Para o presidente do colectivo, Antonio Baldonedo, trátase dunha excelente nova. «Temos vinteún usuarios para o servizo de transporte e só dispoñemos dunha furgoneta e da colaboración do 065 para recoller e levar aos rapaces. Con outra furgoneta poderemos facer o servizo moito mellor».

Ao Centro Ocupacional Aspadeza chegan todos os días un total de vinteún usuarios procedentes de toda a comarca e de A Estrada. «Os rapaces veñen de Bodaño, Cercio, Merza, Puxallos... e un de A Estrada que recollemos na estación de autobuses de Lalín para levalo logo ao centro. É importante salientar que dende que inauguramos oficialmente o centro recibimos cinco solicitudes para darlle entrada a outros tantos futuros usuarios da comarca». Un asunto que irá á reunión da xunta directiva da Asociación Aspadeza, ao igual que a posibilidade de promover charlas informativas para incrementar o volume de asistentes. «Aínda hai pais reacios á hora de deixar que os seus fillos veñan a un centro, como o que temos en Mouriscade. Pode deberse, ao mellor, á falla de información e se é así é preciso proporcionarlla».

Por outra banda, ante a proximidade das datas de Nadal os usuarios do centro ocupacional voltarán a pór á venda unha serie de traballos que foron elaborando nos últimos meses. «Son artigos feitos nos distintos obradoiros e que se poderán adquirir, como en anos anteriores, nas dúas áreas comerciais da villa». Os interesados en mercar cestos, tapices e pinturas poderán facelo os días 11, 12 e 18 de decembro no Centro Comercial Eroski; e do 20 ao 24, no Centro Comercial Pontiñas e de Ocio Haley. A asociación tamén pón á venda tarxetas de Nadal feitas polos usuarios. «Son postais para empresas, para que feliciten as festas, e custan 0,80 euros as que non levan texto e un euro as que o conteñen. A novidade deste ano é unha postal dixital. Temos unhas oito ou dez empresas que nos fan un pedido de tarxetas todos os anos, pero ogallá que medre o número e que a demanda se incremente». Máis demanda é a que busca tamén o colectivo para o servizo de lavandería que está en marcha no centro, e que dá ocupación a un grupo de usuarios. «A lavandería funciona moi ben. Se houbera máis roupa máis se lavaba e temos que buscar clientes». A asociación programa unha excursión á fabrica de galletas mariñeiras Daveiga, en Chantada, subvencionada polo Concello de Lalín.