Folclore canario en Bandeira

Amelia Ferreiroa LALÍN/LA VOZ.

DEZA

A agrupación Xirandola celebrará este sábado o seu festival anual, no que unha formación de Lanzarote será a convidada

02 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Todo está listo para a 24 edición do festival de baile do grupo Xirandola de Bandeira. A cita anual terá lugar mañán sábado -3 de xullo- a partires das 19 horas no Campo da Feira de Bandeira e con compromiso tácito de todos os integrantes das formacións participantes «de rematar cinco minutos antes das oito e media da tarde para ver -e deixar ollar- o partido de fútbol entre España e Paraguai», sentencia Javier Blanco de Xirandola.

Este festival anual é o festival de todo o grupo, no que se suban ao escenario todas as agrupacións; dende os máis cativiños da formación ate o grupo dos maiores. Respecto do acto, «será moi semellante ao doutros anos. Non haberá cambios na estructura do festival no que actuará Xirandola e un só grupo convidado que chegará dende Canarias». Trátase dunha formación de Lanzarote que traerá a Bandeira un folclore ben diferente ao de Xirandola. Segundo Javier Blanco «é un folclore vivo e alegre que agardamos que lle agrade a todos os que veñan ao festival. É unha excelente ocasión para ver algo distinto ao noso. Por outra banda é unha das poucas veces que nos visita un grupo de fóra antes de que nós actuemos na súa cidade». Non agardará moito Xirandola para viaxar a Canarias e rendirlle visita ao grupo de Lanzarote. As datas xa están pechadas. «Será o vindeiro 22 de xullo. Están pechadas un par de actuacións alí e logo algúns voltarán o 25 e outros o 29 dependendo dos días dos que poida dispor cada un». Serán trinta os bailaríns canarios os que actuarán mañán en Bandeira, e que xa se atopan en Galicia dende fai un par de días. «Aproveitan o desprazamento para visitar as nosas praias, Santiago e tamén a comarca dezá. Segundo teño entendido o luns teñen outra actuación en Asturias e logo voltan para Lanzarote».

No festival de mañán o grupo dos maiores de Xirandola estreará algo novidoso: unha muiñeira-xota recollida no Courel por integrantes do grupo. «Os outros grupos tamén amosarán cousas novas que estrearon recentemente no festival do mes de maio, e que moitos -ao mellor- non viron».

E, unha vez remate o festival de mañán, tocará prepararse para unha saída a Marcelle. Será o 18 de xullo e serán os pequenos de Xirandola os que poderán disfrutar desta excursión. Posteriormente, na primeira semán do mes de agosto, chegará o momento de coller bañador e toalla para -coma todos os anos- disfrutar do campamento no mar, en Ribeira. Unha actividade dirixida tamén aos cativos do grupo e despois da Festa da Empanada quince días de descanso para preparar a volta.