«Sufrimos todos xuntos e estivemos comprometidos ao máximo»

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo A ESTRADA/LA VOZ.

DEZA

A derrota en Pontellas supuxo o momento máis amargo da Liga para Afonso, que cre que Sorbet, Blanco e Tinto souberon conducir ao equipo ao ascenso

01 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai pouco máis dunha semana que o Club Deportivo Estradense certificou o seu ascenso á Terceira División. Logo de meses de loita e algúns reveses, o conxunto «rojillo» convertía en realidade o soño dos últimos anos. Juan Manuel Afonso, presidente do club de A Estrada, vía así recompensados os sensabores da campaña, ao tempo que abría unha nova etapa na historia do Estradense.

-Fágame unha valoración da tempada de Liga; ¿como a resumiría?

-Obxectivo cumprido. Houbo momentos duros no ano nos que se afastaba o obxectivo, pero ao final acadouse.

-Houbo que agardar aos 90 últimos minutos da campaña, e estar a expensas dun terceiro equipo. ¿Custou máis do previsto?

-Xa sabiamos que ía ser duro; aínda que houbo momentos máis duros do agardado. O bo é que cando se pitaron os finais en Hío e Arousa esqueceuse todo; só había euforia, porque ademais así saboreouse mellor o éxito, apreciouse máis.

-¿Cales foron os momentos máis duros da tempada?

-Posiblemente o máis duro foi a derrota de Pontellas. Quedaban catro xornadas, e aí viñémonos abaixo; durante o ano aínda que cometeras algún erro quedábache marxe para recuperarte, pero tras Pontellas só nos quedaba a opción de gañalo todo.

-¿A substitución de Oreiro por Sorbet foi unha decisión moi difícil de adoptar?

-Nese caso o difícil non foi a decisión de non continuar con Oreiro; tiñamos claro que o sucedido en Portonovo non era admisible, e que polo tanto había que cambiar. O medo que tiñamos era saber como reaccionaría a plantilla; as dúbidas de como afectaría nos xogadores. Ao final viuse que atinamos no recambio.

-¿Onde radicou a chave do ascenso?

-Na unión que houbo en todo momento. Sufrimos todos xuntos, e todos estabamos comprometidos ao máximo; todo o mundo estaba extramotivado , e formouse unha piña.

-¿Cal foi a diferenza desta campaña respecto das anteriores?

-Penso que Tinto soubo reforzar os postos que facía falla. O ano pasado eramos algo máis febles en defensa, a pesar de ter moi boa plantilla. Ademais este ano a xente soubo crerse que podiamos ascender; foi a mentalidade.

-Nese capítulo tiña a todo un experto no banquillo.

-Si, Ramiro (Sorbet) foi fundamental porque en todo momento lle transmitiu confianza á plantilla. Tiña o vestiario cheo de recortes, frases... Manolo (Blanco) foi o outro gran culpable. Estivemos a un nivel físico impresionante. Ninguén nos venceu nunca por ser superiores fisicamente a nós.

-No plano económico, ¿as contas responderon igual que o deportivo?

-Pecharemos a tempada o 20 de xuño e estaremos en números. Volvemos cubrir o orzamento un ano máis. O Estradense é un club saneado.