Reaccións a alusións laborais

Gerardo Lázara Moreda

DEZA

Ante a información do 31 de xaneiro véxome na obriga de matizar que:

A decisión de que Sonia Martínez Buján traballase como secretaria da concellalía que eu representaba nunca foi tomada pola miña persoa. Todo o contrario, tiven que sufrir que apartaran desta labor a Ramón Barcala, persoa que si escollín cando cheguei a esta responsabilidade. Con Ramón, fomos quen de poñer en marcha o punto limpo, a recollida polas parroquias, os programa de limpeza e humanización de rúas e o de análise e recuperación de fontes, o plan de limpeza de ríos e patrimonio etnográfico, proxección do patrimonio, o plan de desbroces de pistas, os de abastecemento e saneamento no rural...

Pasado un ano, a entón alcaldesa, como xefa de personal, comunicoume que tiña que «colocar á nora de Rosendo» (así foi como a definiu) e que a Barcala lle ía dar outras tarefas. Sonia, de Agolada, foi seleccionada como técnica de Protección Civil e así era como estaba anotada no Inem. Creo que todos entenden que unha persoa doutro concello acabe nos despachos do de Silleda, non pode obedecer só ao seu currículo, xa que en Silleda hai moita xente cun moi superior no paro. Ademáis, se tan preparada está, ¿como rematou en Protección Civil? Sonia non é a culpable, desde logo tratou de exercer o que lle encargaban o mellor posible. O de «con total eficiencia», coido que non é ela quen o debe dicir, persoalmente creo que non lle chega a Ramón á altura dos zapatos. O certo é que desde que ela chegou a maior acción da concellalía foi a compra de flores e árbores, xa imaxinan todos a quen, chegando incluso a ter presupostos máis baratos, pero quen contrataba e pagaba era a alcaldesa. Moléstame que Sonia asine esta carta ó director, que claramente bebe das fontes do fundamentalismo, da secta autófaga na que converteron o PSOE de Silleda, sobre todo, porque eu sempre tratei de ser correcto con ela, e coido que xa non pinta nada nesta guerra.

Se unha persoa quere traballar de técnico agrícola debe anotarse no Inem como tal, e non faltarlle ao respecto ao resto de compañeiros de Protección Civil «colocándose» dunha maneira e traballando doutra. Pero isto, é sabido, era unha práctica habitual da que sempre estiven en contra, e que foi un dos principais motivos de distanciamento con «la divinidad». Prégolle que non fagan mención ao meu departamento porque me obrigarían a explicar algunas cousas das que sinto vergoña allea. Neste pobo todos nos coñecemos, son o primeiro en recoñecer que teño moitos defectos, pero Rosendo, os de Silleda non somos tontos. E se queren entrar nun debate conmigo, benvidos sexan. Xa me extrañaba que algúns se converteran en «socialistas» da noite para a mañá; co tempo, non teñan dúbida, para os que aínda non o saben han de saber o porqué.