O colectivo de comerciantes cruceños inaugura remozada sede e compartirá cea cos presidentes doutras asociacións
22 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A sede que posúe a Asociación de Comerciantes de Vila de Cruces precisaba dunhas reparacións urxentes, segundo recoñece a súa presidenta Dolores Pallares. «Facía moito frío no local, estaba vello e tivemos que levar a cabo unha reforma interior completa. Tiramos todo e agora contamos cun salón grande para celebrar alí os cursos, outro pequeno -que servirá para reunións da directiva, por exemplo- e consta tamén dun pequeno despacho». Instalacións que se manteñen na rúa Neira Vilas e que serán inauguradas hoxe, ás 20.30 horas.
Despois deste acto inaugural, a asociación aproveitará para facer entrega dos agasallos da pasada Campaña de Reis. Campaña da que a presidenta se amosaba especialmente satisfeita. «A verdade é que as campañas funcionaron ben e notamos unha maior afluencia de clientes nos nosos establecementos. E, nestes tempos que corren, non se pode pedir moito máis. Imos facer entrega pois de distintos agasallos tales como unha báscula de baño, aspiradora, MP 4, unha fin de semana en Portugal e unha viaxe a Canarias». O acto, ao que se prevé asistan varias autoridades e os premiados, rematará cunha cea de confraternidade na que participarán presidentes doutras asociacións de comerciantes de Galicia. «A nosa asociación leva cinco anos funcionando pero contaremos na cea con representantes de colectivos moi consolidados que teñen unha traxectoria de vinte anos. Deles se pode aprender moito e se poden ir collendo ideas de cara a posta en marcha de futuras iniciativas». Están convidados pois á cea os presidentes das asociacións de comerciantes de A Guarda, Salvaterra, Arcade e Ponteareas, ademáis da directora xeral de comercio e do alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero.
O colectivo cruceño, que aglutina a 75 asociados, está traballando en novas propostas e na captación de novos socios. «Mañán mesmo -por hoxe- teño previsto facer outro socio. É importante que a asociación medre en todos os sentidos, en socios e en actividades». Unha das vindeiras propostas que está pondo o colectivo sobre a mesa é a feira de oportunidades, que podería celebrarse no vindeiro mes de abril e que será a terceira que organiza a asociación. «Non temos data fixa pechada. Todo vai depender do que decidamos entre todos os comerciantes implicados».
Por outra banda xa se están perfilando as campañas para o Día da Nai, do Verán e da Volta ao Cole. Pero haberá tamén horas adicadas á formación. «Xa se nos concederon cursos de informática, de protección de datos, escaparatismo, reciclaxe e tamén de empaquetado.